ADEGA galardoada coa insignia de ouro do concello de Ferrol

O concello de Ferrol, a proposta do grupo municipal do BNG, vén de conceder a medalla de ouro da cidade a ADEGA polo seu traballo na concienciación social para a conservación do medio natural
Por o 08/01/2018 | Sección: ADEGA,Social
ADEGA galardoada coa insignia de ouro do concello de Ferrol

O concello de Ferrol, a proposta do grupo municipal do BNG, vén de conceder a medalla de ouro da cidade a ADEGA polo seu traballo na concienciación social para a conservación do medio natural.

O concello de Ferrol recoñece así os máis de 40 anos de andaina da nosa entidade, cunha importante presenza e actividade na comarca de Ferrolterra.

Os compañeiros/as de ADEGA da delegación de Ferrolterra-Trasancos protagonizaron tamén ao longo do pasado ano,  numerosos actos en defensa do noso patrimonio natural:  limpezas de praias (Doniños, Caranza…), limpezas de rios, campañas de sensibilización sobre a xestión de residuos, mesas informativas sobre a eficiencia enerxética ou a importancia de usar medios de transporte alternativos ao coche particular.
No apartado das denuncias, chamaron a atención sobre o abandono do transporte público, a escaseza de ciclovías e o carrís-bus; o deficiente saneamento da ría ou as denuncias de numerosas plantacións ilegais de Eucalyptus nesta comarca. A delegación de ADEGA en Ferrolterra colaborou tamén con outros colectivos e plataformas, nomeadamemnte o Comité Cidadán de Emerxencia na súa loita contra REGANOSA, participando en diversos actos en defensa do noso idioma, da cultura galega ou contra a violencia machista.

Dende ADEGA agradecemos ao concello de Ferrol a concesión da insignia de ouro da cidade, algo que nos enche de ledicia e que anima nos a continuar a loita, por un mundo máis xusto socialmente e medio ambientalmente sostíbel.

O acto de entrega do galardón terá lugar este día 7 de xaneiro a partires das 12h no Teatro Jofre.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.