ADEGA reclama protocolos obxectivos para a avaliación do impacto das probas deportivas en espazos protexidos

Publicado por o día 12/06/2019 na sección de ADEGA,Social

ADEGA reclama protocolos obxectivos para a avaliación do impacto das probas deportivas en espazos protexidos

Carreiras de orientación sobre áreas dunares con especies vulnerábeis, “trails” sobre cantís e praias, motocross e rallis en áreas con aves en perigo de extinción… Coa chegada do verán multiplícanse os eventos deportivos en espazos protexidos con hábitats e especies sensíbeis. Aínda que o uso público, e en concreto a práctica do deporte organizado é unha actividade compatíbel cos espazos protexidos, urxe contar coas instrucións técnicas ou protocolos axeitados para salvagardar a integridade dos seus valores naturais.

A natureza como escenario deportivo

A próxima celebración dunha proba de orientación, o “Trofeo Universidade de Vigo de Orientación” dentro das zonas de conservación e protección da  ZEC Costa da Vela (Cangas), en cuxas praias está a criar a píllara das dunas, unha ave ameazada, pon de actualidade o debate sobre os límites do uso público nos espazos protexidos.
Nos últimos anos os colectivos ecoloxistas denunciamos o posíbeis impactos que deteminadas probas deportivas ou de “aventura” podían ter sobre elementos sobranceiros da nosa biota e xea, moi fráxiles e ameazados.
Campionados de motocross na ZEC (Zona de Especial Conservación) do Candán sobre endemismos e aves ameazadas; circuitos de motos e quads, e probas de “trail” no ZEC de Corrubedo sobre plantas endémicas en perigo de extinción; “ultra-trail” sobre as placas eólicas do Monte Branco e as comunidades dunares da ZEC Costa da Morte; carreiras de montaña e rotas “4×4” en áreas de cría de aves en perigo de extinción (ZECs Costa de Dexo e Xurés); construcións de aparcadoiros sobre hábitats protexidos, megafonía e vertidos de lixo na ZEC Costa Ártabra para a “Vuelta Ciclista a España”; son algúns dos “eventos deportivos” que no seu momento denunciamos polo impacto nos hábitats e especies protexidas.

Urxen regras de xogo claras e públicas

Malia a que os usos públicos, nomeadamente os deportivos, nos espazos protexidos están considerados como permitidos ou autorizábeis polos correspondentes instrumentos de xestión, quer o Plano Director da Rede Natura 2000, dende ADEGA entemos que é preciso dotar dunha maior definición mediante normas e protocolos de uso ás actividades deportivas nestes espazos. No seu momento (maio de 2018) trasladamos á administración através do Observatorio Galego da Biodiversidade esta preocupación, xunto coa proposta de elaborar instrucións tecnicas para poder avaliar obxectivamente o impacto destas actividades. Establecer criterios e condicións concretas, transparentes e públicas, baseadas no coñecemento científico das características de cada espazo e na súa capacidade de carga, achegaría referenzas claras ás entidades solicitantes e aos servizos técnicos da administración ambiental, para autorizar ou denegar determinadas propostas.

Máis dun ano despois de que esta proposta fora informada favorabelmente no Observatorio, seguimos igual: as organizacións ecoloxistas exercendo de “policía verde” cada vez que temos coñecemento dun destes “eventos” e a administración ambiental improvisando unha ou outra resposta dependendo da sensibilidade de cada servizo provincial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.