ADEGA únese ao reto #Refugallocero

Publicado por o día 28/05/2019 na sección de ADEGA,Medio Ambiente,Social

ADEGA únese ao reto #Refugallocero

O vindeiro 5 de xuño é o día do Medio Ambiente e para reivindicalo, ADEGA súmase á campaña internacional #RefugalloCero, promovida por Zero Waste co fin de realizar unha semana de #BoicotAoPlástico. Esta campaña consiste en non consumir ningún alimento nin produto envolto en plástico na semana do día 3 ao 9 de xuño, co fin de reducir o seu consumo e alertar dos problemas ambientais dos plásticos dun só uso.

O obxectivo é demostrar que podemos vivir con alternativas ao plástico mudando só uns pequenos hábitos diarios. Tamén mostrar o poder e o potencial transformador que temos como consumidoras conscientes, poñendo freo aos mercados e a súa destrución do medio natural.

A contaminación por plásticos, un problema global que non entende de fronteiras

A maior produción de plásticos a nivel mundial está destinada á fabricación de envases para alimentos, é dicir, a plásticos dun só uso. Na UE só o 30% destes residuos consumidos acaban en plantas de reciclado, moi lonxe da cifra do 50% esixida polo parlamento Europeo para ano 2020.

Pola súa banda, Galiza está nunha situación peor que a media europea, acadando tan só a cifra actual do 14.8% de residuos reciclados. De feito, está cifra reduciuse durante o período da crise pasando do 15,7% no ano 2010 ao 14,8% no 2018, demostrando que o modelo SOGAMA é o máis caro e dos que peores resultados obtéñense en termos de reciclaxe. De toda a produción de plásticos mundiais, cada ano máis de 8 millóns de toneladas de plásticos acaban nos mares e nos océanos, supoñendo o 85% da contaminación por lixo mariño. Desde a fosa das Marianas até as grandes illas de plásticos, este contaminante acaba por estar presente en tódolos os hábitats mariños. A degradación deste residuo pola acción do sol, da auga, do vento e da forza das mareas e das ondas, provoca a súa disgregación en microplásticos pasando así a formar parte da cadea trófica, dando lugar a un problema ambiental e social a nivel mundial. Estímase que uns 100.000 mamíferos mariños e un millón de aves morren cada ano por contaminación de plásticos. Tampouco hai que esquecer os hábitats terrestres, contaminados por vertedoiros ilegais ou por mala xestión dos residuos.

Mudando pequenos hábitos, salvamos o planeta e as especies

Cunhas pequenas mudanzas nos hábitos diarios do noso xeito de consumir, podemos reducir como consumidoras a nosa pegada ecolóxica e a nosa achega de plásticos ao medio. Con esta calculadora da UDC podes calcular facilmente a túa pegada ecolóxica de residuos e comprobar como de sustentábeis, ou non, son os teus hábitos diarios. Algúns exemplos para pasar á acción e reducir a túa pegada ecolóxica poden ser os seguintes:

1. Podes facerte cunha botella de vidro e enchela con auga da billa. Reducirás centos de botellas de plásticos que non serán recicladas anualmente.

2. Podes substituír os envases de plásticos para gardar ou transportar a comida por envases de vidro. Así evitarás a contaminación por compostos químicos presentes no plástico, como o bisfenol-A.

3. Levar bolsiñas reutilizables e de material ecolóxico é unha moi boa opción para facer a compra. Cada bolsa de plástico ten unha vida útil de 12 -20 minutos e tarda centos de anos en degradarse no medio.

4. Podes evitar o uso de materiais de plástico como os bastoncillos de algodón, as palliñas, ou utensilios como pratos, vasos ou garfos de plástico. A partir do 2021 a UE prohibirá a comercialización destes plásticos dun só uso.

5. Podes comprar produtos a granel empregando bolsiñas de papel, de pano ou envases de vidro. Reducirás notablemente o teu lixo diario. Poderás atopar tamén cooperativas ou grupos de consumo na túa cidade ou vila para comprar a granel, permitindo consumir ademais produtos de quilómetro cero

Úneste ao reto? Partilla nas redes os teus hábitos #RefugalloCero

Desde ADEGA alentámoste a sumarte á campaña #RefugalloCero durante a semana do 3 ao 9 de xuño co fin de non consumir plásticos dun só uso e concienciar así sobre esta problemática global. Tamén te animamos a partillar nas redes sociais fotografías cos teus hábitos responsables mediante a etiqueta #refugallocero, para dar a coñecer novos xeitos ou iniciativas a prol do medio ambiente a través do consumo responsable.

Anímaste? O planeta vaino agradecer!