Adeus, XVIII Salón do Libro; ola, XIX Salón do Libro

Nesta xornada final homenaxeouse a Ledicia Costas e Ramón Nicolás pola súa inclusión na última lista de honra IBBY Galix
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Pontevedra,Vigo

Adeus, XVIII Salón do Libro; ola, XIX Salón do Libro

Despois de máis de tres semanas de intensa actividade, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechou as súas portas ata o ano que vén nunha xornada de clausura na que se celebrou dun xeito moi especial o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Conclúe así a edición número 18 dun proxecto cultural único na súa clase e premiado a nivel internacional, que ten como fin último o fomento da lectura, achegando a literatura ó público dende moi diversas perspectivas.

Nesta XVIII edición, achegáronse ós espazos do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral (‘Bosque das letras’) máis de 32.000 persoas, das que cerca de 16.000 foron escolares dos centros de ensino galegos. Foi tamén unha edición de récord en canto ó número de centros (50) que colaboraron cos seus traballos sobre a temática deste ano, ‘O Mundo que Queremos’.

Xornada de clausura

A escritora Fina Casalderrey foi a encargada da lectura da mensaxe que este ano correu por conta da sección IBBY-Rusia: ‘Medremos co libro’, do escritor Sergey Makhotin. O acto, no que tamén participou o xornalista e escritor Xosé Antonio Perozo, serviu para homenaxear á escritora Ledicia Costas e ó tradutor Ramón Nicolás, últimos autores en entrar na selecta lista de honra IBBY Gálix. Nos prolegómenos do mesmo, entregóuselle como agasallo a Antonio Manuel Fraga, autor de ‘Escaquis e Romeu’, unha caricatura realizada por Kiko Dasilva.

As portas de Escaquis foi, precisamente, o espectáculo central desta derradeira xornada do Salón, coa dirección de Lucía Aldao e María Lado e a colaboración do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. A fin de festa, en cambio, correu por conta de Montse Escudero, Servando Barreiro e Anxo Moure, co seu contacontos musical ‘Pandeiretas contra metralletas’.

Outro dos momentos destacados da xornada tivo lugar no Recinto Feiral (este espazo, denominado ‘O bosque das letras’, foi unha das grandes novidades deste ano), onde o arquitecto e artista Román Corbato dirixiu o acto de derrubo do muro que se foi contruindo con caixas de cartón ó longo do Salón. Coa caída -cargada de simbolismo- do muro, quedou ó descuberto a mensaxe: “Entre todos e todas construimos un mundo mellor”.