Adiada a xornada técnica sobre tratamento e xestión de residuos urbanos

A xornada, prevista inicialmente para este xoves 4 de febreiro, queda posposta para cando a situación sanitaria permita realizala en condicións de seguridade máis idóneas
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Adiada a xornada técnica sobre tratamento e xestión de residuos urbanos

A xornada técnica sobre tratamento e xestión de residuos urbanos prevista para este xoves, 4 de febreiro, será adiada debido á gravidade da situación sanitaria actual en todo o ámbito galego. Aínda que a xornada estaba deseñada de xeito semipresencial, participando presencialmente só os relatores mentres que o público participaría de xeito telemático, desde o Concello decidiuse adiar este encontro para evitar desprazamentos e interaccións físicas, en espera de que as condicións sanitarias sexan as idóneas para levala a cabo.

Convén lembrar que desde a Concellaría de Xestión de Residuos, que xestiona o concelleiro Raimundo González, se deseñou esta xornada técnica co obxecto de darlle voz aos principais operadores do sector de cara a avanzar na preparación do futuro contrato de recollida de residuos sólidos municipais. Así, as cinco empresas máis representativas – Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza- están convidadas a expoñer as súas propostas sobre modelos de recollida, xestión de biorresiduos, economía circular, uso de enerxías renovables na xestións dos residuos e aplicacións de novas tecnoloxías. O obxectivo principal é o de escoitar ao sector e incorporar ao contrato aquelas suxestións que resulten de interese.

Ademais, esta xornada complementarase cunha mesa redonda na que participarán representantes veciñais, representantes empresariais e representantes do movemento ecoloxista e na que se dará resposta ás preguntas que as persoas inscritas vaian formulando ao longo da xornada de xeito telemático.