Adíase o xuízo contra o ex persoal da cafetería do Meixoeiro por enfermidade dun acusado

A acusación particular optou pola suspensión da vista tras a comunicación da xuíza
Publicado por o día 28/10/2019 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

Adíase o xuízo contra o ex persoal da cafetería do Meixoeiro por enfermidade dun acusado

O xuízo contra 13 ex traballadores/as da cafetería do hospital Meixoeiro de Vigo, que xestiona a empresa Oh Vigo!, foi finalmente adiado a petición da acusación particular despois de que a xuíza lle comunicase que un dos acusados/as non podería estar presente por problemas médicos. Deste xeito, o “macroproceso” penal celebrarase os días 9, 10 e 11 de marzo do próximo ano. A CIG celebrou hoxe unha concentración solidaria ás portas do xulgado na que participou o secretario xeral, Paulo Carril.

Dende a federación de Servizos da CIG, central á que pertencen a maior parte dos acusados/as, denuncian que o empresario Javier Valverde opte deste xeito por alongar aínda máis un proceso que está a causar “importante danos aos afectados/as e ás súas familias”. Neste senso, sinalou que o xuízo podía celebrarse igualmente sen esta persoa, tendo en conta ademais que a acusación particular lle solicita as penas máis baixas. De feito, o seu nome non figura no escrito de acusación da Fiscalía.

Como tampouco están outros/as nove ex traballadores/as, do total de 13, aos que o empresario lles reclama penas de prisión de 10 meses a catro anos e multas que ascenden a case 800.000 euros, xa que a Fiscalía sinala unicamente a tres ex traballadores/as como presuntos/as autores dos delitos de danos, coaccións e ameazas.

Dende a CIG lembran que o “calvario” para os empregados/as comezou cando Oh Vigo! se fai coa xestión da cafetería e tivo que subrogar o persoal. Entón sucédense o impago de salarios, ERE, revogación do delegado de persoal da CIG, etc, polo que a central decide convocar mobilizacións e folga, e mesmo unha acampada diante da cafetaría para reclamar que abonasen os soldos.

Débedas co persoal

Ademais, o propietario acumula importantes débedas. En 2015 a CIG presenta unha denuncia na Fiscalía pola mala xestión do Sergas con esta contrata, xa que nese ano a empresa lle debía ao hospital o canon de máis de 117.000 euros por impago dos recibos de xullo, agosto, setembro, outubro e novembro; a Facenda debíalle máis de 43.000 euros; e á Seguridade Social máis de 73.000 euros. A Facenda da Xunta debíalle tamén 6000 euros, e aos provedores arredor de 71.000. Ademais, tiña que asumir o canon de cando se construíu a cafetería, que ascende a máis de 750.000 euros. A maiores, a día de hoxe o empresario aínda mantén débedas cos traballadores/as de entre 25.000 e 30.000 euros de media, das que liquida unicamente entre 200 e 300 euros ao mes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.