ADN e técnicas moleculares para descubrir os segredos dos peixes das profundidades oceánicas

Os ecosistemas de augas profundas son igual de sensibles ao cambio climático ca os da superficie
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

ADN e técnicas moleculares para descubrir os segredos dos peixes das profundidades oceánicas

O 71% da superficie terrestre corresponde aos océanos e tan só un 5% do total está completamente estudada. Estas son cifras que axudan a comprender como boa parte do planeta é aínda un gran descoñecido e entre as partes menos analizadas están as augas profundas. Nelas centrou a súa tese de doutoramento David Barros, que remarca a gran diferencia entre as augas superficiais, ata os 500 metros, onde desenvolven a maior parte das actividades humanas como a explotación pesqueira, o transporte ou as actividades recreativas, e as extensas profundidades oceánicas. É por este “baleiro de coñecemento” e pola inxente cantidade de espazo descoñecido no planeta polo que o investigador optou por estudar a biodiversidade de organismos nos ecosistemas de augas profundas. Explica que se describen entre 100 e 150 novas especies mariñas ao ano, polo que serían necesarios 50 anos para obter unha idea real da biodiversidade dos peixes mariños nos océanos. Pero nun contexto de cambio climático, sobreexplotación dos recursos e extinción masiva de especies, Barros considera “máis necesario ca nunca” ampliar o coñecemento das especies que habitan os océanos e as súas características biolóxicas.

A súa tese centrouse en comprobar a efectividade das técnicas baseadas no uso de ADN como un “código de barras” (DNA Barcoding) para identificar e distinguir especies en función do grao de similitude entre elas. Explica que se trata dunha ferramenta moi empregada en especies de importancia comercial para a delimitación de “stocks” pesqueiros, pero apenas se ten empregado para especies de augas profundas. Un segundo foco de análise foi o uso de técnicas moleculares con datos morfolóxicos para resolver incertezas en especies xa coñecidas de peixes de augas profundas e, en terceiro lugar, tamén estudou os procesos evolutivos que teñen lugar nalgunhas destas especies.

Tres grupos de especies estudadas

Na súa tese, David Barros centrouse en tres grupos de especies para aplicar tanto as técnicas de código de barras como as moleculares. A primeira delas é o Lepidion lepidion, da que se consideraba que existían dúas especies, unha endémica do Mediterráneo (Lepidion lepidion) e outra no Atlántico (Lepidion eques). Co uso do ADN confirmou que se trata dunha única especie pero tamén puido estudar a conectividade xenética na súa área de distribución e os resultados amosan “a existencia de diferentes procesos de contracción e expansión das súas poboacións ao longo de miles de anos”, o que representa un exemplo de como as especies de augas profundas tamén se ven afectadas polas variacións que teñen lugar ao longo do tempo.

Outra das especies estudadas foi o xénero Gaidropsarus, un grupo con oito especies recoñecidas no Atlántico norte e o Mediterráneo. Explica o investigador que “o uso dos datos morfolóxicos combinados co ADN amosou tres posibles sinonimias (é dicir, cando dúas especies en realidade son unha)” e, polo tanto, o número de especies coñecidas deste xénero reduciríase a cinco. Barros considera “especialmente interesante” o caso entre G. mediterraneus e G. guttatus, “dado que este último se considera un endemismo da Macaronesia”, é dicir, os arquipélagos de Cabo Verde, Illas Salvaxes, Azores, Madeira e Canarias. Segundo os resultados obtidos na súa investigación, “trataríase dunha poboación tal vez en proceso de especiación nesta área, polo que podería ser suxeito de especial protección”. Tamén se analizaron catro individuos do xénero Gaidropsarus procedentes de expedicións oceanográficas en augas profundas e os resultados obtidos amosaron que “non pertencían a ningunha das especies coñecidas”, polo que podería tratarse de especies novas para a ciencia. De feito, as análises continúan pero polo menos unha nova especie xa foi descrita por investigadores portugueses e bautizada como Gaidropsarus mauli.

Finalmente, o terceiro grupo estudado na tese de David Barros é a orde Notacanthiformes, un grupo de peixes primitivos emparentados coas anguías que habitan sobre os fondos mariños de noiro continental ao longo de todo o mundo. O investigador realizou a primeira análise evolutiva completa a nivel de xénero para os notacanthiformes empregando ADN, morfoloxía externa e morfoloxía interna (ósos) e os resultados confirmaron a hipótese previa plantexada por investigadores xaponeses “de que a especie Lipogenys gilli pertence á subfamilia Lipogenyinae dentro da familia Notacanthidae”. O estudo tamén permitiu estimar a orixe da orde Notacanthiformes durante o Cretácico (145-65 millóns de anos) e a diversificación do grupo a continuación da quinta extinción masiva, “a que terminou cos dinosauros”, o que coincide aproximadamente “cun evento xeral de diversificación de peixes que tivo lugar tras esta extinción”.

Resultados que demostran o gran descoñecemento das profundidades oceánicas

Para Barros, o conxunto de datos obtidos demostran “o grao de descoñecemento que existe sobre as especies de peixes que habitan as profundidades oceánicas”. Pero a súa tese serviu tamén para resolver varios problemas sobre a existencia ou non dalgunhas especies e para plantexar novas cuestións “que necesitarán futuras investigacións”. O científico apunta que “os estudos evolutivos e poboacionais amosan que os ecosistemas de augas profundas e as especies que os habitan están suxeitos ás mesmas forzas e presións que os que habitan na superficie” e isto demostra a súa sensibilidade ante o cambio”, o que segundo Barros é de grande importancia ante os retos como o do quentamento global.

Comentar noticia

Your email address will not be published.