Adriana Domínguez reta ás futuras executivas e executivos a non ter medo aos cambios e abrazalos

Defendeu a necesidade de que as empresas faciliten a flexibilidade e o traballo por obxectivos
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Adriana Domínguez reta ás futuras executivas e executivos a non ter medo aos cambios e abrazalos

Adriana Domínguez está revolucionando o mundo da empresa familiar, nada máis e nada menos que a través da firma  Adolfo Domínguez, unha compañía que naceu en Pobra de Trives hai 43 anos e que hoxe é todo un referente internacional no mundo da moda. Conselleira delegada do grupo desde maio de 2018,  Domínguez visitou este mércores o campus de Vigo para impartir a charla Adolfo Domínguez desde Galicia. La revolución de la moda de autor. Fíxoo no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, presentada polo decano, Jorge Falagán, e ante un numeroso público, sobre todo alumnas e alumnos que ven nela un referente a seguir, pero tamén numerosos docentes que quixeron escoitar de primeira man a testemuña da persoa que liderou o renacer dunha firma que, logo de varios anos complicados e con cuantiosas perdas, conseguiu a volta aos resultados operativos positivos e a unha clara posición de liderado.

Tras a proxección dun breve vídeo de presentación da firma, a empresaria fixo un repaso da historia dunha compañía da que hoxe forman parte máis de 1000 profesionais e que no seu último exercicio facturou 112 millóns de euros a través de 387 puntos de venda distribuídos en 22 países. “O bonito da miña conferencia para o alumnado é que cheguen a entender cal é a realidade das empresas e como se fan os cambios cando verdadeiramente hai necesidade deles. No caso da nosa empresa empezamos hai xa 43 anos e, neste camiño, houbo moitas etapas, moitas luces e tamén moitas sombras”, adiantou intres antes de iniciar a súa intervención, adiantando así a principal idea dunha charla na que explicou as principais medidas que levou a cabo a empresa para seguir sendo un referente no sector téxtil.

“Todo ten que cambiar para seguir sendo o mesmo”

Entre os principais consellos que puxo sobre a mesa a máxima executiva do grupo Adolfo Domínguez, filla do deseñador e fundador da empresa, falou da importancia de non ter medo aos cambios e, sobre todo, da necesidade de “ter ganas deles, abrazalos e sentir amor por eles”. Neste sentido afondou na idea de que unha compañía nunca se debe pór limitacións, “todo ten que cambiar para seguir sendo o mesmo, ou para ser diferente, o importante é que a empresa siga tendo forza na sociedade na que se move”.

A relevancia de non perder de vista o mundo local foi outro dos eixes da súa intervención. “Hai que ser consciente do lugar ao que pertence cada un para transmitir ese sabor totalmente diferente ao que se encontra no resto do mundo, sexa en Xapón, Latino América ou onde sexa”, defendeu Domínguez, ao que engadiu que, desde o seu punto de vista, “nun mundo tan globalizado coma o actual o interesante é ter un sabor dalgunha parte, ter un lugar no mundo”.

Rompendo o teito de cristal

A día de hoxe Adriana Domíguez é unha das poucas mulleres conselleiras delegadas dunha firma española que cotiza en bolsa e, polo tanto, un exemplo para todas as mozas que se forman no centro e que soñan con acadar algo así no futuro. “Cando unha empresa cotiza en bolsa ten unha gobernanza moi estrita e o certo é que é moi difícil chegar ata o posto no que eu estou, pero penso que cando se teñen as ideas claras, cando unha ten unha visión e paixón polo que fai e máis posible que tamén cho recoñezan as persoas que teñen o poder para facilitarche ese posto de traballo”, recalcou a executiva, ao tempo que apuntou que o 82% do persoal de Adolfo Domínguez son mulleres. “O 55% dos postos directivos está exercido por mulleres e no Consello de Administración, composto por oito profesionais, a paridade é total, xa que está composto por catro homes e catro mulleres”, recalcou Domínguez.

De cara a romper ese famoso teito de cristal que aínda existe en moitas empresas a executiva admitiu que para logralo hai que mesturar dous aspectos. “Por unha banda é algo que cada unha debe loitar de xeito privado, no senso de que as rapazas non poden ser elas as que pisen o freo cando decidan ter fillos, teñen que seguir empuxando e, pola outra, as empresas deben dar moita máis flexibilidade, é dicir, facilitar o traballo por obxectivos, pois cando se traballa por obxectivos non hai un horario concreto, nin significa tampouco botar máis horas no traballo, o importante é que se poida facer unha boa conciliación familiar para poder ter fillos e coidalos, ademais de ter unha carreira profesional”, recalcou.