Advirten de prácticas “clientelares” nas novas incorporacións de persoal en Navantia Ferrol

CIG e CGT piden acabar coa arbitrariedade e garantir a obxectividade nas contratacións
Publicado por o día 09/01/2020 na sección de CGT,CIG,Ferrol,Galicia,Naval,Sindicatos

Advirten de prácticas “clientelares” nas novas incorporacións de persoal en Navantia Ferrol

Ante a proposta de ingreso de operarios/as no estaleiro de Navantia Ferrol sen ningún tipo de convocatoria pública, a sección sindical da CIG e a CGT reclaman transparencia, igualdade de oportunidades e obxectividade nas novas incorporacións de persoal, “imprescindíbeis en calquera empresa pública”.

Lembran que o sistema de novas incorporacións é froito dun acordo acadado entre a empresa o anterior comité e que nas bases aprobadas se tivo en conta a FP Dual, outorgándolle a puntuación máis alta. Entenden que se agora Navantia está en disposición de incorporar a máis persoal do acordado, “eses ingresos deben realizarse nas mesmas condicións que o resto das prazas”.

Por iso, defenden que a mellor fórmula para garantir “a transparencia e a igualdade de méritos e oportunidades” pasa por sumar esas prazas ás que se teñen que convocar este ano. A este respecto, a representación da CIG e CGT advirte que o modelo que está propor a empresa, CCOO, MAS e UGT ” só se pode entender dende o clientelismo empresarial e sindical, que concibe Navantia como un chiringuito”.

Rematar coa arbitrariedade

Consideran que este proceder é un intento por parte dos actuais responsábeis de Recursos Humanos de implantar nos cadros de operarios/as e empregados/as o modelo de contratación habitual até agora para o persoal técnico superior, cando ao que se debería tender, aseveran, “é xustamente o contrario, acabar coas arbitrariedades e garantir a obxectividade nas contratacións”.

Para dar a coñecer esta situación entre os traballadores e as traballadoras, as seccións sindicais da CIG e a CGT estiveron repartindo na mañá do mércores follas informativas na entrada do estaleiro, nas que tamén solicitan do comité un debate co cadro de persoal mediante un proceso de asembleas parciais “que culmine nunha asemblea xeral que, como máximo organismo dos traballadores e traballadoras de Navantia-Ferrol, se pronuncie sobre este asunto”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.