A Xunta de Goberno da Deputación aprobou onte a adxudicación das obras de mellora da estradas provinciais EP-2203 e EP-2202 que pasan pola parroquia de Baredo, no concello de Baiona, coincidindo co Camiño da Costa a Santiago. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explica que as obras, das que se fará cargo a construtora Narom SL, comezarán no mes de novembro e terán tres meses de prazo de execución.
Segundo apunta Benítez, a adxudicataria foi seleccionada entre as 15 propostas presentadas polas súas ofertas técnica e económica. Agora terá que presentar a documentación definitiva, asinar formalmente o contrato, e realizar o reformulamento das obras, que consisten na construción dunha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo, dun miradoiro no lugar de Monte Alto –que se acondicionará con mobiliario urbano para poder contemplar a badía e a cara sur das Cíes-, así como dunha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible, limitando a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora con redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo.
Os traballos comezarán co movemento de terras na ladeira, xa que se ampliará a sección da vía para incorporar a nova senda. Dado que hai moita rocha na zona prevese que esta parte do proxecto sexa a máis complexa. O investimento final, financiado ao 80 % pola Deputación e ao 20 % polo Concello segundo o convenio asinado, será de 297.304,85 euros.
O deputado Benítez manifestou hoxe a súa satisfacción pola saída adiante deste proxecto logo dos varios atrancos que sufriu, entre outros, co Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, que non permitía que a senda tivese un largo de 2,5 metros. A Deputación de Pontevedra, lembrou o nacionalista, defendeu en todo momento a necesidade destas dimensións por cuestións de accesibilidade e mobilidade amable, xa que a zona é moi transitada pola veciñanza (nas inmediacións ademais hai un campo de fútbol) e por grupos de persoas peregrinas que ata o de agora tiñan que transitar pola propia calzada, xa que a estrada carecía de beiravías.
“Na Deputación traballamos por mellorar estradas provinciais tendo en conta criterios de prioridade para as persoas. Nesta zona hai ademais un espazo natural magnífico e espectacular, un valor paisaxístico e turístico moi atractivo, por iso vaise impulsar non só a senda, senón todo o que hai arredor”, dixo.
Mellora de firmes
Por outra parte, o Servizo de Mobilidade está a realizar nestes días os traballos de mellora de firmes dalgunhas estradas provinciais no concello de Baiona. Nas últimas xornadas realizáronse fresados dos aglomerados en mal estado nas EP-2201 Baiona-Bahíña-Fontes e na EP-2202 -Baiona-Loureza, nos treitos onde non se actuará co proxecto recén adxudicado do Camiño da Costa. Logo renovarase a capa de rodaxe con diferentes misturas anti escorregadizas para mellorar a seguranza viaria dos treitos reformados. Nesta semana tamén se realizaron xa algúns saneos menores.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.