Adxudicadas as accións formativas ás entidades beneficiarias da provincia de “Conectadas 2018”

Un total de 306 entidades, pertencentes a 57 concellos, van participar nesta terceira edición do programa
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Adxudicadas as accións formativas ás entidades beneficiarias da provincia de “Conectadas 2018”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as accións formativas ás entidades beneficiarias do programa “Conectadas 2018“. Así o sinalou hoxe a Presidenta da Institución Provincial, Carmela Silva, que destacou que nesta terceira edición do programa “van a participar 306 entidades, pertencentes a 57 concellos da provincia”, o que supón que máis de 4.500 persoas se van beneficiar desta iniciativa.

Silva lembrou que “este proxecto ten unha contía de 324.000€” e ten por finalidade “mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías”.

Cada curso formativo, dos 46 que se ofertan, terán entre 20 e 25 prazas e unha duración de 35 horas repartidas en dúas ou tres horas semanais. Ademais, en cada unha destas accións formativas se deberá incluír de forma transversal nos seus contidos o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes, incluíndo tamén un módulo de sensibilización na igualdade de oportunidades.

Este programa, destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, está distribuído nos seguintes oito bloques temáticos: “Muller emprende”, “Muller e cultura”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “coidados persoais”.