Adxudicados os contratos para a dinamización do mercado municipal

Trátase dun programa dividido en dous lotes, un destinado a actividades de dinamización do primeiro andar do mercado e outro destinado a un plan de comunicación específico

A mesa de contratación vén de adxudicar sendos contratos para as actividades de dinamización e de comunicación do primeiro andar do mercado municipal, que foran licitados cun orzamento total de 315.000 euros. O programa, a desenvolver en dúas anualidades, divídese en dous lotes: o destinado ás actividades de dinamización foi adxudicado á empresa Ovo Publicidade S.L. cun
orzamento de 202.690,01 euros; e o lote destinado ao plan de comunicación foi adxudicado a Era Comunicación S.L. cun orzamento de 109.889,78 euros.

O primeiro lote ten por obxectivo a dinamización sociocultural do primeiro andar do mercado municipal, relacionando e poñendo en valor os produtos de proximidade que son obxecto de venda na planta baixa. Entre as accións ofertadas contempla visitas escolares, actividades específicas para público infantil e xuvenil organizadas por eixos temáticos, charlas divulgativas vinculadas á gastronomía, showcooking’s, e mercados de tempada. A proposta inclúe ademais nas actividades infantís, prazas con prioridade para fillos e fillas dos e das praceiras e do persoal do mercado para facilitar a conciliación; e en todas as actividades se prestará especial atención á reciclaxe, separación e compostaxe de residuos, ao tempo que se fomentará o uso de materiais sustentables e
reciclados.

O lote de comunicación abrangue ao deseño e execución de campañas publicitarias, tanto para medios convencionais como dixitais. Entre as accións recollidas na proposta destacan a creación dunha páxina web, contidos audiovisuais promocionais, merchandising corporativo, contidos en redes sociais, así como a planificación estratéxica e execución de campañas xerais e estacionais específicas cada ano.

Estas actuacións están cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario