Adxudican o servizo de toma de mostras nos puntos de control de augas subterráneas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa

A empresa adxudicataria realizará as mostraxes nos puntos de control existentes e serán analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia

A Xunta vén de adxudicar o servizo para a toma de mostras nos puntos de control de augas subterráneas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Este contrato foi adxudicado á empresa Uriker S.L cun investimento de máis de 18.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

O contrato de servizo consiste na realización de mostraxes nos puntos de control de augas subterráneas existentes para logo analizar os parámetros de calidade no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Este programa de inspeccións enmárcase na Directiva Marco da Auga, que establece a necesidade de implantar diferentes sistemas de monitorización que permitan determinar o estado das masas de auga, incluídas as augas subterráneas.

O obxectivo das actuacións é coñecer o estado químico das augas subterráneas coa fin de previr ou limitar as entradas de aportes contaminantes.

Entre as accións a desenvolver, atópanse a diagnose da calidade das augas subterráneas, a vixilancia da afección dos vertidos, a adopción de medidas e a verificación da súa efectividade para controlar ou reducir a contaminación.

Os datos obtidos son necesarios para a elaboración do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, así como para o seguimento do Plan de Seca.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM