A “AECT Río Minho” nacerá este sábado para optar a fondos europeos e potenciar o territorio da fronteira

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez explica que os estatutos asinaranse ante notario nun acto protocolario oficial en Valença
Por o 22/02/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A “AECT Río Minho” nacerá este sábado para optar a fondos europeos e potenciar o territorio da fronteira
Compartir en:

A nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho nacerá este sábado como nova ferramenta xurídica para optar e xestionar fondos europeos e potenciar así o territorio da fronteira formado por 16 concellos do Sur de Pontevedra e 10 câmaras do Norte de Portugal. O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra –socio principal da nova asociación-, Uxío Benítez, anunciou hoxe que está previsto celebrar un acto protocolario en Valença do Minho para asinar ante notario os estatutos que contará coa presenza altos representantes dos gobernos español e portugués, do goberno galego e do ente homólogo portugués (CCDR-N), así como das administracións provinciais e locais implicadas no proxecto.

Segundo explicou o deputado Benítez, a nova AECT Rio Minho será un instrumento estable xurídico que permitirá optar e xestionar fondos europeos de xeito máis áxil que ata o de agora, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño. De feito, preténdese que estea ao servizo das eurocidades existentes agora mesmo na fronteira, xa que a AECT está amparada por unha lexislación propia para operar en España e Portugal con maiores facilidades burocráticas e administrativas que na actualidade .”Tui-Valença, Salvaterra-Monçao, Tomiño-Vila  Nova de Cerveira ou A Guarda-Caminha poderán desenvolver proxectos conxuntos de cooperación transfronteiriza moito máis facilmente que agora. A AECT aforrará moitos trámites”, subliñou o nacionalista.

A AECT Rio Minho será a oitava agrupación destas características que se crea na Península Ibérica para desenvolver territorios transfronteirizos e formará parte do grupo das máis de 70 existentes na UE logo de que se aprobase como fórmula xurídica no ano 2006. O deputado Uxío Benítez explica que, en calquera caso, a ‘Rio Minho’ será a AECT situada na fronteira máis poboada e con maior tránsito de vehículos dentro do territorio peninsular, xa que acumula practicamente a metade de viaxes de toda a fronteira con Portugal só no treito da provincia de Pontevedra.

Unha vez que este sábado se proclame o nacemento oficial da Agrupación Europea do territorio do Miño coa sinatura do convenio entre os seus dous principais socios (Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho) e dos seus estatutos, será necesaria a súa publicación no Diario Oficial da República portuguesa para, posteriormente, reunir á asemblea xeral o próximo mes, onde se elixirá presidente.

O acto formal de constitución realizarase este sábado na Pousada de São Teotónio ás 12 horas (hora española) da Fortaleza de Valença do Minho. Estarán presentes, ademais da presidenta da Deputación Carmela Silva e da CIM Alto Minho José María Costa, o secretario xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Presidencia do Goberno do Estado español, Juan Ignacio Romero; o secretario de Estado do Desenvolvimento e Coesão do Goberno de Portugal Nelson de Souza; o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller; a vicepresidenta do CCDR-N, Ester Gomes da Silva, e o presidente de Uniminho, que intervirán para poñer en valor a nova AECT.

Estarán presentes tamén o reitor da Universidade de Vigo e presidente do FCEER, representantes do CETMAR, da Marrina de Tui, da Confederación Hidrográfica, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Tui, da Axencia de Turismo da Xunta, do Servizo provincial de Costas, e dos concellos asociados (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) xunto aos dez de Portugal.

Potencialidades turísticas

Segundo explicou Benítez, o territorio do Miño que se beneficiará da AECT abrangue 3.312 quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes e “ten unha determinación e unha identidade, paisaxe e condicións socioeconómicas conxuntas” que é preciso poñer en valor.

O deputado destaca que a súa situación xeoestratéxica no eixo Vigo-Porto fai que este territorio teña unhas potencialidades de desenvolvemento moi grandes, polo que é preciso potenciar os seus valores ambientais e, sobre todo, turísticos. “Ese será un dos principais e máis importantes cometidos a nova AECT: o desenvolvemento dunha marca turística do río Miño que permita artellar unha estratexia conxunta de todo o territorio e non só concello a concello”, subliñou.