AER acomete o relevo dos seus concelleiros na metade do mandato

Ao longo destes plenos, a Agrupación de Electores de Redondela (AER) vai dando cumprimento a un dos seus compromisos electorais: o relevo dos seus concelleiros e concelleiras no ecuador do mandato
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER acomete o relevo dos seus concelleiros na metade do mandato

Ao longo destes plenos, a Agrupación de Electores de Redondela (AER) vai dando cumprimento a un dos seus compromisos electorais: o relevo dos seus concelleiros e concelleiras no ecuador do mandato.

Do mesmo xeito que aconteceu no anterior mandato, cando o concelleiro Jorge Varela fora relevado por Alfonso Blanco transcorridos dous anos, chegou o momento do relevo dos actuais concelleiros de AER. No pasado pleno do mes de maio, renunciou xa ao seu posto de concelleiro Jorge Varela, que será substituído por Xosé Covelo no pleno ordinario do 28 de xuño. Ao final deste mesmo pleno, renunciarán Ricardo Figueroa e Beatriz Laíño, que serán substituídos no pleno de xullo por Noé Cano e Roberto Darriba. Finalmente, en xullo renunciará Bernardo Crespo e será substituído en agosto por Javier Bastos. O proceso está sendo gradual, para que a Agrupación non quede puntualmente sen representación no pleno e para que tampouco se lle proporcione vantaxe numérica ao grupo de goberno fronte á oposición nestas sesións plenarias.

Comeza pois unha nova fase en AER que pretende ser continuista do traballo feito no Concello polos edís saíntes, alternando os roles dentro da Agrupación nas labores que desempeñan parte dos seus membros.

En AER todos e todas nos consideramos veciños e veciñas igualmente capacitados para enfrontarnos tanto ao traballo directo de representación dos nosos electores e electoras no Concello, como ao traballo indirecto e anónimo que lle dá apoio aos nosos concelleiros.

Este relevo supón tamén, xa a dous anos das vindeiras eleccións municipais, un momento clave de cara a que a veciñanza se anime a achegarse a AER, a apoiar no traballo diario e a adquirir as dinámicas e a experiencia acumulada, de cara a conformación dun futuro grupo de traballo de veciños e veciñas que puidese dar continuidade á Agrupación de Electores en Redondela e ao traballo xa desenvolto ao longo destes dous mandatos.