AER apoiará os investimentos para o remanente do ano 2018 do concello de Redondela

Destinarase para actuacións de mellora da eficiencia enerxética, dotacións culturais, recreativas, deportivas e de protección do patrimonio.
Por o 14/05/2018 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER apoiará os investimentos para o remanente do ano 2018 do concello de Redondela

O Concello de Redondela conta cun remanente do ano 2017 de 1,6 millóns de euros, que trala publicación do “Real Decreto-ley 1/2018 de 23 de marzo”, pódese inverter en diferentes obras ou investimentos necesarios para o Concello. Por este motivo, unha vez publicado este decreto e que dende o goberno local se abriran a recibir aportacións de actuacións nas que inverter este remanente, dende AER procedeuse a recompilar diferentes demandas e necesidades veciñais así como propostas que a Agrupación de Electores levaba tempo realizando, e a remitilas para a súa toma en consideración para o destino destes fondos públicos. Despois de pasado un mes de aportacións, o luns 14 de maio en pleno extraordinario o goberno local presentará a aprobación unha proposta que recolle unha selección de diversas aportacións e demandas veciñais presentadas durante este período a través do Partido Popular e AER, únicos grupos políticos que fixeron achegas concretas.

Eficiencia enerxética.

Así pois, unha parte importante deste remanente destinarase a eficiencia enerxética no alumeado público. Esta é unha das principais demandas que leva facendo AER dente o comezo do actual mandato, sobre todo tendo en conta o importante aforro que suporía para as arcas públicas unha vez se fosen substituíndo os actuais sistemas de iluminación nos diferentes viais de Redondela por sistemas de iluminación LED. As actuacións a realizar serían aproveitadas tamén para a reparación de zonas onde soen ser habituais os fallos na iluminación. Entre outros, e sempre baixo os criterios dos técnicos do concello, actuaríase desta vez na Avda. Mendiño, na Rabadeira, na Xunqueira, na rúa Xeneral Rubín, na praia de Cesantes, en Arealonga-Laredo, na rúa Alfonso XII, en Pai Crespo e na zona de Cubillón.

Actuacións de índole cultural e de espazos recreativos.

Outras das actuacións demandadas pola veciñanza de Redondela que aportou AER foi a sinalización e mellora da ruta das Pedras en Ventosela, de tal xeito que se recupere e sinalice axeitadamente esta senda que transcorre polos montes desta parroquia, percorrendo diferentes elementos do patrimonio cultural e por “pedras” singulares cun recoñecido valor histórico, cultural e social.

Tendo en conta que o barrio dos Eidos vén sendo a zona residencial do casco urbano de Redondela que máis medrou nos últimos anos, que se levan construídos numerosos bloques de edificios onde actualmente residen moitas parellas con cativas e cativos, que a veciñanza que alí reside leva anos demandando áreas de lecer na zona; e tendo en conta que o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG nese senso, a Agrupación de Electores propuxo destinar unha parte do remanente para dar cumprida esta demanda, tentando así que a zona sexa máis amigable cos cativos e cativas que alí residen.

No concello de Redondela existen aínda algúns colexios unitarios, na zona de San Pedro de Cesantes e en Ventosela, que teñen a necesidade de dotacións ao aire libre con elementos de xogo homologados aproveitando as áreas verdes exteriores para o goce dos cativos e das cativas. Esta necesidade tamén se recolle no remanente a proposta de AER, dotando de fondos para a instalación destes elementos xunto coa creación de zona dedicada a horta escolar cunha función de xogo educativo interactuando coa natureza, o que vai supor ademais un aliciente para o mantemento do alumnado nas unitarias e a pervivencia deste modelo de escolas no noso concello.

Outras actuacións para o remanente.

Das diferentes aportacións realizadas polo Partido Popular e recollidas no remanente, a Agrupación de Electores de Redondela valorou que estas fosen demandas da veciñanza e que moitas delas se vaian a desenvolver en parroquias onde non é habitual realizar investimentos relevantes en infraestruturas ou dotacións. En todo caso, AER tras reunirse co goberno local para explicar as súas propostas e recibir explicacións acerca dos proxectos pretendidos polo goberno local, fixo unha serie de observacións e consideracións que o goberno local se comprometeu a considerar. Así pois:

* Na rehabilitación da Escola de Trasmañó para un uso socio-cultural tal como pide a veciñanza da zona, AER demandou que se habilitase unha parte deste edificio público para hospedar o material de Alén Nós do Museo Mudhar e desenvolver o centro de interpretación do Monte Penide, facendo así proximamente deste edificio un novo referente cultural da comarca.

* Na creación da área recreativa de Negros, na superficie cedida ao Concello dos terreos do AVE, outra demanda veciñal que viría a ser unha mínima compensación ante todo o malestar ocasionado a esta parroquia coas obras da alta velocidade, AER demandou que houbese, a maiores dos elementos recreativos, unha prevalencia de zonas verdes e de zonas arboradas destacadas que funcionasen como un pulmón para a zona.

* Na creación dun espazo cultural en Quintela, parroquia que non conta con dotación algunha neste senso, AER considerou a oportunidade de que se conformase un espazo socio-cultural-deportivo construíndo ligado á esta nova dotación cultural unhas instalación de atletismo aptas para o desenvolvemento deste deporte, cada vez máis consolidado e practicado no noso concello.

A nivel deportivo, a principal proposta que se inclúe é a primeira fase da mellora do Campo de fútbol da Gándara no Viso, sendo esta una demanda da veciñanza desta parroquia que é compartida por todos os grupos políticos. Por outro lado, destacar a creación dunha zona multideporte xunto ao pavillón da Marisma, que á parte de incluír unha pista de skate e patinaxe, incluiría tamén unha pista de baloncesto.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.