AER asina un acordo de investidura co PSdeG e traballa para entrar no goberno local

O día de onte supón un fito para a traxectoria de AER: tal e como se comprometera na campaña, AER foi quen de acadar un acordo que porá fin ao goberno do PP en Redondela tras oito anos de mandato “popular”.
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de AER,Galicia,Política,PSOE,Redondela

AER asina un acordo de investidura co PSdeG e traballa para entrar no goberno local

O día de onte supón un fito para a traxectoria de AER: tal e como se comprometera na campaña, AER foi quen de acadar un acordo que porá fin ao goberno do PP en Redondela tras oito anos de mandato “popular”.

O pacto de investidura asinado onte co PSdG de Redondela inclúe máis de 40 medidas aportadas por AER para que o Concello sexa máis transparente e máis participativo.

As negociacións para entrar no goberno están avanzadas, pero non pechadas.

AER cumpriu a súa palabra e traballou para conformar un goberno alternativo ao Partido Popular, acadando un pacto de investidura co PSdG que recolle máis de 40 medidas aportadas por AER para que o Concello de Redondela sexa máis transparente e participativo; un Concello onde primen os servizos públicos, os servizos sociais, os criterios, a igualdade, a equidade, a cultura local e o respecto ao medio ambiente. AER quere dar as grazas a toda a veciñanza que confiou na Agrupación e agarda que esta estea satisfeita co seu voto e co labor de AER.

Novos/as concelleiros/as de AER: Susana, Roberto e Daniel.

AER acuñou nesta campaña un lema: “que corra o aire” facendo referencia á necesidade de que os postos políticos non se perpetúen, que se favoreza a renovación e, con iso, a transparencia e a participación. Esa máxima AER vena aplicando a si mesma dende o seu inicio.

Hai que recordar que en cada mandato AER renovou integramente aos seus concelleiros aos dous anos. En 2011 AER acadara un concelleiro, Chopi, que foi substituído aos dous anos por Pochi. En 2015 foron catro os concelleiros/as electos de AER. Comezaron Ricardo, Kampa, Beti e Chopi; foron remprazados por Covelo, Noé, Roberto e Javi.

Neste caso, como concelleiros de AER debutan Susana Couñago, Roberto Villar e Daniel Boullosa, que tomarán posesión das súas actas no pleno deste sábado. AER volverá tentar que, na metade de mandato, poidan entrar tres novas persoas representando á Agrupación, pero esta etapa é diferente.

AER segue negociando co PSOE para tentar formar parte do goberno local e traballar para que se cumpran todos estes obxectivos programáticos. As negociacións para entrar no goberno están avanzadas, pero non pechadas. Polo tanto, existe a posibilidade, aínda non resolta, de que AER entre no goberno local. Esta circunstancia merece que a decisión de renovación se valore no seu momento atendendo ás posibles novas circunstancias.