AER comproba in situ graves fallos de seguirdade no recinto principal do entroido de verán

O pasado sábado 19 de agosto celebrouse un ano máis o coñecido Entroido de Verán. Na actualidade neste evento conflúe unha grande cantidade de asistentes ao longo de todo o día, pero sobre todo ao longo da noite. A seguridade é un tema fundamental, ou así debería selo, sobre todo nos recintos onde o Concello de Redondela é o máximo responsable das actividades programadas
Por o 22/08/2017 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER comproba in situ graves fallos de seguirdade no recinto principal do entroido de verán

O pasado sábado 19 de agosto celebrouse un ano máis o coñecido Entroido de Verán. Na actualidade neste evento conflúe unha grande cantidade de asistentes ao longo de todo o día, pero sobre todo ao longo da noite. A seguridade é un tema fundamental, ou así debería selo, sobre todo nos recintos onde o Concello de Redondela é o máximo responsable das actividades programadas.

Malia contar, segundo a información proporcionada polo Concello de Redondela aos medios de comunicación, cun Plan de Emerxencias elaborado por técnico competente, a Agrupación de Electores de Redondela (AER) comprobou in situ a desorganización e a situación de inseguridade vivida no recinto principal dos concertos ao longo da noite do Entroido de verán. O goberno local planificou o balado de todo o recinto e a prohibición de entrada de bebida e cristal, como en anos anteriores, pero a entrada ao recinto cambiouse. Se ben en anteriores edicións o acceso realizábase pola fondo do recinto, avanzando a xente cara o escenario, este ano a organización estableceu a entrada xusto no centro do recinto, pola rúa paralela ao parque da Alameda que ven dende a Rúa Xeneral Rubín. Esta decisión ocasionou que cando o recinto se encheu sobrepasando a zona onde se atopaba a entrada, esta zona converteuse nun auténtico tapón que facía moi difícil a entrada e a saída do recinto. Comprobouse en propias carnes como a entrada a zona pasaba por ter que estar empuxando e esquivando aos asistentes, volvéndose esta operación perigosa cando as familias tentaban entrar cos seus fillos e fillas ao recinto da festa. Constatouse que moita xente decidiu non entrar polo perigo que supoñía e por ter que enfrontarse a un auténtico tapón humano.

Cal foi o labor da empresa de seguridade?

AER tamén se pregunta cal foi o labor da empresa de seguridade máis alá de vixiar que os asistentes non entrasen con botellas de vidro ao recinto. Estando a zona da entrada colapsada, con grupos de mozos/as sentados no chan xusto no pasillo de entrada e saída, que é unha situación perigosa en caso agolpamentos e movementos abruptos de persoas, ademais con moitos asistentes de pé xusto nesa zona tentando dende esa posición mirar o espectáculo sen moverse de aí, con xente entrando e saíndo sen orde algunha, ou sexa xente saíndo pola entrada e outros entrando pola saída, comprobouse como o persoal de seguridade estaba totalmente inerte sen xestionar tal desorganización.

Neste senso sorprendeu a resposta dun membro do equipo da seguridade privada cando un membro de AER lle comentou que a situación podía ser perigosa, que non parecía moi seguro que houbera xente sentada no chan na zona da entrada: “se á organización lle vale así, a nos tamén nos vale”. Ou sexa, o Concello de Redondela contrata un servizo de seguridade para manter a orde e evitar posibles riscos e estes non cumpren coa súa responsabilidade. Tamén se comprobou que na entrada non se atopaban naquel momento nin membros da policía local nin de protección civil, senón que tódolos efectivos se atopaban situados na rotonda ao final da rúa Xeneral Rubín, a uns 30 metros de distancia, pero ningún na propia entrada ao recinto.

A saída do recinto, taponada por público e dous contedores!

Unha vez dentro do recinto comprobouse como no fondo, contra a Alameda, había espazo suficiente para que puidese entrar máis xente e sobre todo para desconxestionar a entrada e saída de toda a xente que alí se atopaba agolpada mirando o espectáculo. A última sorpresa aconteceu canto ao tentar saír do recinto, volveuse comprobar que a única maneira pasaba por avanzar esquivando aos asistentes e recibindo bastante empurróns e o máis desagradable, os pais e nais que tentaban saír con cativos, pasando un mal trago evitando que recibiran algún golpe ou empurrón. Pero a cousa non quedaba aí, xusto na saída, practicamente taponada por asistentes de pé a ambos lados da saída mirando os concertos, as persoas que marchaban do recinto atopábanse con dous contedores taponando o paso e deixando apenas un metro de ancho, por onde decenas de persoas tentaban saír todas á vez. Unha clara falta de control, previsión e incumprimento flagrante de calquera Plan de Emerxencias de grandes eventos.

Indicar, que destas incidencias detectadas por AER, deuse conta ao goberno local de xeito inmediato para que tomasen as oportunas medidas.