AER critica un ano máis o retraso nas axudas ás entidades sociais e culturais do Concello de Redondela

Os días 9 e 10 de agosto publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases das axudas do Concello de Redondela para actividades culturais e máis para actividades de promoción da muller e a igualdade.
Publicado por o día 14/08/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER critica un ano máis o retraso nas axudas ás entidades sociais e culturais do Concello de Redondela

Os días 9 e 10 de agosto publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases das axudas do Concello de Redondela para actividades culturais e máis para actividades de promoción da muller e a igualdade. Porén, aínda quedan diversas bases por publicarse, tales como as de axudas a festas, a festivais e as de actividades de participación cidadá.

Se ben no pleno do 2 de marzo de 2017 aprobouse por unanimidade que as axudas da Concellería de Cultura e de Participación Cidadá se convoquen nos primeiros meses do ano para que as entidades sen ánimo de lucro poidan coñecer os recursos cos que van contar para a programación das actividades, o goberno local non é quen de mellorar a súa eficiencia neste senso. Para AER algo tan sinxelo como comezar a traballar nas bases no último trimestre de cada ano para facelas efectivas no primeiro trimestre do ano seguinte, demóstrase imposible para este goberno local do Partido Popular de Redondela. Se ben hai que recoñecer que as bases para actividades culturais pasan de publicarse no mes de novembro, tal como acontecera o ano pasado, a publicarse no mes de agosto; no que respecta a festivais, festas e participación cidadá as entidades culturais non saben nada ao respecto, xa a piques de comezar o novo curso lectivo.

A Agrupación de Electores de Redondela quere lembrarlle novamente ao goberno local que non se pode gobernar un concello de 30.000 habitantes sen unha boa organización interna, maximizando a eficiencia nos procesos burocráticos e ante todo contando cunha mínima planificación a curto, medio e longo prazo. Tampouco resulta de recibo que para cuestións como o Entroido de Verán ou outro tipo de eventos propios se mobilicen tódolos recursos habidos e por haber e cuestións como as axudas a entidades e asociacións vaian quedando postergadas a un segundo plano mes tras mes.