AER critica a deixadez do PP coa páxina web municipal

Publicado por o día 17/10/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER critica a deixadez do PP coa páxina web municipal

No mes de decembro do ano pasado contratouse un “Servizo de desenvolvemento técnico dun Portal Web Corporativo con Intranet de xestión e administración de contidos” por un importe de 7.737,95€; ou sexa, contratouse a renovación da web municipal de Redondela.  Este servizo menor tiña un prazo de execución de un mes.

O mes de setembro era o mes anunciado polo goberno local para a presentación da nova web do Concello de Redondela. Nada máis lonxe da realidade, pois xa transitando no mes de outubro, esta presentación non foi realizada e en realidade pódese afirmar “que non se lle espera en breve”.

Tendo constancia dende a Agrupación de Electores de Redondela que a estrutura está deseñada e implementada, na actualidade o goberno local non foi quen de dotar de contidos actualizados e diversos ao portal web para que este poida xa substituír ao anterior. En definitiva, os responsables políticos de cada unha das concellarías que deben aportar información para alimentar esta web non o están facendo, o que amosa unha gran falla de coordinación interna do goberno local por parte do alcalde ao non establecer directrices claras de traballo aos seus concelleiros e concelleiras e tanto uns como outros a cumprir cos prazos por eles mesmo establecidos.

Seguiremos pois cunha web pouco operativa, aínda menos atractiva e desactualizada, como é o caso do apartado de turismo que durante todo o verán non axudou practicamente en nada aos visitantes que se achegaban a Redondela a coñecer os recursos turísticos actuais e amosando programas e eventos de hai 4 ou 5 anos. Seguiremos, en opinión de AER, co principal recurso na internet que ten o Concello, moi desactualizado, complexo na localización de contidos e sen chegar a ofrecer unha imaxe de Redondela maiúscula.