AER critica a intención do goberno local de Redondela por crear postos de traballo precarios cunha axuda da depo

Publicado por o día 26/05/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela,Vigo

AER critica a intención do goberno local de Redondela por crear postos de traballo precarios cunha axuda da depo

O goberno local do Partido Popular de Redondela ven de convocar un proceso selectivo para diversos postos de traballo de carácter temporal ao amparo dunha axuda da Deputación de Pontevedra dentro do Plan Provincial de Cooperación ás obras e Servizos de Competencia Municipal. Así, durante estes días estase desenvolvendo o proceso selectivo para a contratación de diferente persoal; 13 traballadores/as durante 7 meses e outras/os 16 durante 6 meses, para ocupar diferentes tipoloxías de postos.

A axuda da Deputación ascende a cantidade de 209.426,89 euros para a contratación de persoal polo Concello e, tal como se establece nas bases da axuda do ente provincial, en réxime de xornada parcial ou completa, segundo as necesidades que determine cada Concello, comprendendo o custe salarial e a cotización á Seguridade Social. A Deputación lémbralle aos concellos que se deberá respectar en todo caso, o salario mínimo interprofesional ou as retribucións segundo categoría profesional da persoa traballadora. Tamén a Deputación fai mención expresa a que o Concello poderá complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan por categoría profesional.

Pola contra, as bases que elaborou o Concello de Redondela para a contratación destes postos de traballo para os que se conta coa susodita axuda da Deputación, indican expresamente: “Estes postos de traballo terán unhas retribucións brutas mensuais por persoa de 825,65 euros (soldo e prorrata da paga extra) segundo o importe do SMI a xornada completa, de luns a domingos, con horario variable, cos descansos que establece a lei, en función das necesidades do servizo. A modalidade contractual será a de contrato de traballo de duración determinada, de interese social, a tempo completo.”

Dende a Agrupación de Electores de Redondela (AER) denunciase que con estes postos de traballo sácase a relucir a visión que o Partido Popular ten no que respecta á creación de novos postos de traballo: postos laborais precarios e con baixos soldos. AER considera que é unha tomadura de pelo que se estean a ofertar dende o Concello de Redondela postos de traballo cun soldo de 825,65€ brutos para xornadas completas e xa coas pagas extras prorrateadas. Segundo AER, “ao Alcalde debería caerlle a cara de vergoña por tentar aproveitarse da necesidade de moitos veciños e veciñas con necesidade dun posto de traballo, para tentar contratalos cuns soldos que rozan a precariedade”. AER denuncia que a Deputación daba dúas posibilidades que o goberno local non tivo en conta; ou engadir un complemento salarial á cantidade concedida pola Deputación, ou establecer xornadas parciais con ese mesmo soldo. Sorprendentemente o goberno local de Redondela non se decantou nin por unha nin por outra, se non pola creación de postos de traballo en precario a xornada completa.