AER critica os bandazos do goberno municipal en canto á política e á acción cultural

No pasado pleno do 7 de setembro de 2017, a Agrupación de Electores de Redondela (AER) formulou unha pregunta sobre o Consello Municipal da Cultura
Publicado por o día 15/09/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER critica os bandazos do goberno municipal en canto á política e á acción cultural

“AER ten entre as súas demandas a creación dun Consello Municipal da Cultura. Esta petición fora recollida no seu día polo anterior Concelleiro de Cultura amosado a súa intención de levalo a cabo. Preguntamos:

 Poderían informar acerca do estado actual e dos vindeiros pasos para a creación do Consello Municipal da Cultura de Redondela, de carácter consultivo con capacidade para:

  • Establecer liñas de actuación no eido cultural.
  • Participar na elaboración do orzamento anual para Cultura.”

A resposta do goberno local sorprendeu á Agrupación de Electores, xa que directamente dan carpetazo á creación do susodito Consello Municipal da Cultura, argumentando que polas dinámicas observadas actualmente non o vían necesario e que non era precisa “custodia política” das actividades das diversas entidades que traballan no eido da cultura.

Deste xeito o goberno do Partido Popular deixa claros os diversos cambios de rumbo e bandazos na súa xestión diaria. En decembro de 2015, o anterior concelleiro de Cultura difundía e sacaba á luz o documento inicial do “Plan para a cultura de Redondela”, unha proposta de actuación no eido cultural de Redondela onde literalmente programábase a: “Creación do Consello Municipal da Cultura de Redondela mediante a aprobación dun regulamento que estableza a súa composición e funcionamento”. Deste xeito o Partido Popular dá carpetazo á súa propia proposta, amosando claramente o pouco interese en que o eido cultural poida participar e aportar á política cultural pública de Redondela. Dende AER a resposta dada amosa un claro desenfoque sobre o que supón un Consello Municipal da Cultura, pois nel o obxectivo non é a gobernanza política das actividades xestionadas polas entidades culturais, senón que representantes do eido cultural poidan participar, aportar e buscar sinerxías na política cultural da administración local de Redondela. Sería un foro consultivo debidamente regulado, de cara a que o eido cultural de Redondela tivese un punto de encontro de participación veciñal específico para a cultura, onde se puidera aportar sobre as programacións propias do Concello de Redondela, acerca das programacións conxuntas Concello-Entidades, asesorar sobre liñas de actuacións prioritarias para o eido cultural, establecer follas de ruta en canto á recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, consultar sobre o destino preferente dos orzamentos en cultura e patrimonio, ou mesmo canalizar problemas sectoriais que preocupan ás entidades, tales como a dispoñibilidade de locais para asociacións, a dispoñibilidade de recursos para as programacións das entidades sen ánimo de lucro, mellora de bases de liñas de axudas, colaboración cos centros culturais das parroquias, apoio na difusión dos eventos culturais, apoio á creación musical, das artes escénicas, baile e danza, etc, recuperación do patrimonio material e inmaterial, etc.

Dende AER considérase que o goberno local prefire esconderse da veciñanza e non escoitar o que teñan que dicir sobre a súa xestión. Aplican a técnica da avestruz e o que é peor, pechan a porta a aportacións, á creación de sinerxías, ao interesante aporte da importante experiencia do eido cultural de Redondela e a abrir novas canles de colaboración coa veciñanza, neste caso, no que á cultura se refire.