AER demanda reunirse co presidente da Xunta, co Delegado do Goberno e coa Presidenta da Deputación para reclamar necesidades históricas da veciñanza de Redondela

Publicado por o día 26/10/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER demanda reunirse co presidente da Xunta, co Delegado do Goberno e coa Presidenta da Deputación para reclamar necesidades históricas da veciñanza de Redondela

A Agrupación de Electores de Redondela vén de presentar o pasado día 15 de outubro sendas solicitudes ante a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Goberno de España reiterando demandas veciñais históricas de Redondela para que cada administración asuma ás súas responsabilidades respecto ás súas competencias.

Así pois, como é competencia de cada administración velar polo correcto mantemento de infraestruturas, dotacións e servizos da súa responsabilidade e máis de dar respostas satisfactorias ás demandas da veciñanza no que respecta ás competencias propias, AER recompilou distintas demandas históricas da veciñanza de Redondela para reiterar nestas peticións:

Por parte da Deputación de Pontevedra

* Construción de beirarrúas na estrada provincial PO-2901 (Cesantes-O Viso-Alxán) na parroquia do Viso, naqueles tramos nos que non exista, completando as beirarrúas xa existentes e establecendo un continuo seguro para o tránsito de peóns.

* Construción de beirarrúas na estrada provincial PO-2906 (Os Valos-Guizán) naqueles tramos nos que non exista, en concreto na parroquia de Saxamonde para dar continuidade ás beirarrúas construídas na parroquia de Vilar, completando así as beirarrúas xa existentes e establecendo un continuo seguro para o tránsito de peóns.

* Que se investigue se as recentes obras de asfaltado da estrada provincial que une as parroquias de Reboreda e Ventosela desenvolvéronse cuns mínimos de calidade e que se proceda ao arranxo do mal remate da actuación.

* Que na estrada provincial que une as parroquias de Reboreda e Ventosela se tomen medidas de redución da velocidade e medidas de seguridade viaria, con lombos nas inmediacións do colexio de Reboreda e nas zonas máis habitadas.

Por parte da Xunta de Galicia:

* Que se dote ao Centro de Saúde de Redondela de recursos sanitarios suficientes para atender Urxencias Pediátricas de xeito continuado e suficiente mañás, tardes, noites e fin de semana.

* Que o servizo de Radioloxía do Centro de Saúde de Redondela se amplíe ás tardes, así como aos horarios de urxencias nocturno e de fin de semana, dotando ao centro do persoal suficiente para atender este servizo.

* Creación de aparcadoiros disuasorios na parroquia de Chapela, no entorno da Avda. de Vigo.

* Que se estude en Chapela a construción dun novo vial para vehículos como alternativa ao tráfico pesado que circula pola Avda. de Vigo e vai cara as industrias que se atopan baixando a Rúa José Fernández López.

* Recuperar a Illa de San Simón como a Illa da Memoria, recoñecendo os feitos acaecidos nela durante a ditadura franquista froito dun golpe de estado ilegal.

* Dotación de máis persoal e medios aos Xulgados de Redondela.

* Mellora da sinalización e das infraestruturas propias do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Redondela e negociación co Goberno de España para a dotación de semáforos e pasos de peóns nas interseccións do Camiño de Santiago coas estradas nacionais ante o enorme perigo que supón para os centos de peregrinos que as cruzan diariamente.

* Que se adopten as medidas de apoio comprometidas para a restauración dos montes do Concello de Redondela incendiados no pasado outubro de 2017.

* Que se elabore un plan de restauración e mellora de canles fluviais do Concello de Redondela, dende unha perspectiva de respecto medioambiental e fomento e enriquecemento da biodiversidade vexetal e faunística.

* Que se financie a realización de infraestruturas de saneamento para redución de vertidos directos a ríos, regatos e á Enseada de San Simón.

Por parte do Goberno de España:

* Reposición inmediata dos servizos como consecuencia das obras de ampliación da AP9 e aplicación das melloras comprometidas que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza de Chapela e Trasmañó (arranxo de viais paralelos á autoestrada, dotación de pantallas acústicas en Cabanas e Chapela …).

* Gratuidade da peaxe de Rande-Vigo, sen asunción de peaxes na sombra.

* Paralización inmediata das intencións da Autoridade Portuaria de Vigo, dependente de Puertos del Estado, de ampliar a base de contedores en Rande, en plena Enseada de San Simón, Rede Natura 2000.

* Dotación de beirarrúas na estrada nacional N-555 que une Redondela co Aeroporto de Peinador.

* Dotación de paso de peóns e grupo semafórico na estrada nacional N-550 a altura do Colexio Outeiro das Penas de Cesantes para que poidan cruzar esta estrada con alta densidade de tráfico tanto as cativas e cativos que asisten ao colexio como os centos de peregrinos que cruzan esta estrada nesa altura seguindo o Camiño de Santiago.

* Dotación de paso de peóns e grupo semafórico na estrada nacional N-550 a altura da parroquia de Vilavella no Lugar de “O Muro” para que poidan cruzar esta estrada con alta densidade de tráfico os centos de peregrinos que cruzan este vial seguindo o Camiño de Santiago.

* Construción de rotonda na estrada nacional N-550 na parroquia de Cesantes a altura do lugar coñecido como “O Murallón” para facilitar e regular o tráfico intenso e os cambios de sentidos.

* Construción de rotonda na estrada nacional N-550 na parroquia de Saxamonde a altura do lugar coñecido como “Alto dos Valos” para facilitar e regular o tráfico intenso, os cambios de sentidos e as incorporacións nun cruce múltiple perigoso.

* Dotación de beirarrúas na estrada nacional N-550 dende o núcleo urbano de Cesantes ata o colexio CEIP Outeiro das penas, necesarias polo gran cantidade de peóns que tódolos días transitan por esa zona.

* Dotación de puntos de luz na estrada nacional N-550 dende Cesantes (Redondela) ata Arcade (Soutomaior).

* Dotación a Redondela dunha rede de tren de proximidade digna e con frecuencias suficiente para asegurar unha interconexión con Vigo, Pontevedra e O Porriño que camiñe cara a redución do uso do automóbil privado. Mantemento e mellora dos apeadeiros de A Picota, Cesantes e construción de apeadeiro en Chapela.

* Asunción dos desperfectos provocados nas obras do AVE en Redondela, compensacións por danos aínda existentes en vivendas como consecuencia destas obras e mellora ambiental dos terreos do Val de Maceiras degradados por esta actuación.

Do mesmo xeito, aproveitando as solicitudes de demandas veciñais históricas, AER ponse a disposición da Presidenta da Deputación de Pontevedra, do Presidente da Xunta de Galicia e do Delegado do Goberno para a explicación in situ de cada unha das anteriores necesidades e demandas veciñais.

Deste xeito AER, a diferenza dos partidos tradicionais que intensifican máis ou menos o grado de demanda ante unha administración ou outra segundo sexan das súa cor política ou non, asume unha vez máis de xeito responsable coa veciñanza a acción política tamén de cara as restantes administracións que teñen competencias no territorio do Concello de Redondela, máis alá da fiscalización constante e diaria do propio goberno local. Neste senso, para AER a veciñanza merécese que en Redondela se chegue a un goberno da persoas sen ataduras partidistas dependentes de Santiago de Compostela ou de Madrid, un goberno independente sen liñas mestras marcadas pola xerarquía dos seus partidos políticos. Cuestión esta que vense demostrada como a principal debilidade na xestión política das forzas tradicionais que gobernaron Redondela nos últimos 40 anos, padecendo a veciñanza as constantes “trágalas” que os seus gobernantes asumen e asumiron de xeito periódico.