AER denuncia a pésima situación das obras de asfaltado da estrada provincial que una Reboreda e Ventosela

Por o 13/09/2018 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER denuncia a pésima situación das obras de asfaltado da estrada provincial que una Reboreda e Ventosela

Despois de que veciñas de Reboreda e Ventosela deran conta á Agrupación de Electores de Redondela da situación en que se estaban desenvolvendo as obras de asfaltado da estrada provincial que une Reboreda con Ventosela, constatando na prensa os cruces de acusacións entre PP e BNG, AER comprobou in situ a situación na que se atopa na actualidade esta estrada. Efectivamente, tal e como nos comentaron algunhas veciñas, a Deputación contratou o asfaltado desta vía, pero o que se observa pódese considerar de sorprendente. As obras de asfaltado leváronse a cabo sen realizar unha limpeza previa da vía, sen eliminar as herbas que se atopan nas beirarrúas. O produto que se esparexeu foi un produto bituminoso sobre o que se botou grava miúda, quedando parte dela solta, o que propicia facilmente salpicaduras aos vehículos e peóns. Este “asfaltado” non foi de toda a estrada, senón dunha parte dela; parando á entrada da parroquia de Ventosela. A capa resultante é de apenas de un centímetro, que en algunhas zonas non cubre todo o asfalto antigo; co que o deterioro será inminente, circunstancia que mesmo xa se pode apreciar en certos
tramos.

Á Agrupación de Electores de Redondela tamén lle sorprendeu que, en contra da filosofía que noutras estradas a Deputación está levando a cabo sobre seguridade viaria, de primar ao peón sobre o vehículo e do establecemento de medidas de redución da velocidade; neste caso ningún destes criterios foi asumido. Tanto é así que nin sequera se instalou unha banda redutora de velocidade, nin tan sequera no entorno do Colexio Público de Reboreda.

Co pintado da estrada, ponse de manifesto que a Deputación asume deixar a estrada en peor estado do que se atopaba previamente. Dende a Agrupación de Electores de Redondela demándase á Deputación que investigue se as obras se desenvolveron cuns mínimos de calidade, que proceda ao arranxo da desfeita, que tome medidas de redución da velocidade e de seguridade viaria nesta estrada, con lombos nas inmediacións do colexio de Reboreda e nas zonas máis habitadas, tal como AER xa leva demandado en máis dunha ocasión no Consello Parroquial; e proceda, tralas oportunas comprobacións, a expedientar á empresa contratada.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.