AER denuncia as elevadas plusvalías que ten que asumir a veciñanza afectada polas expropiacións da AP-9 e chapela

Publicado por o día 03/11/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER denuncia as elevadas plusvalías que ten que asumir a veciñanza afectada polas expropiacións da AP-9 e chapela

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) lamenta que mentres PP e PSOE pelexan polas “medallas” da adenda da ampliación da AP-9, Facenda asoballa aos afectados con plusvalías nas indemnizacións de 2016 das casas expropiadas en Chapela, que nalgún caso superan os 40.000€ a devolver para un só propietario.

Levamos unhas semanas de fantasías políticas en torno á ampliación da autoestrada AP-9, onde puidemos ver aos partidos locais do PP e PSOE de Redondela nunha borracheira de triunfalismos. Estes partidos pretenden tapar as desgrazas da AP-9 con presuntas melloras conseguidas, que chegan sete anos tarde, mal e arrastro. Todo vale para ocultar a verdadeira realidade antisocial dunha obra sen escrúpulos, ao amparo dunhas leis obsoletas (lei de expropiación forzosa de 1.954) da época do franquismo máis duro; leis que os gobernos do PP e PSOE aínda manteñen en vigor sen apenas modificacións. Esta realidade amosa casos inxustos en aras dun presunto interese xeral. As hemerotecas destes anos amosan que as expropiacións da AP-9 non foron un camiño de rosas para a veciñanza afectada, pois houbo moita loita na rúa e traumas non desexados. O calvario das familias expropiadas en Chapela non rematou co derrubo das súas casas nin moito menos; porque a maldita AP-9 parece que os persegue ata despois de asfaltada. Mentres intentaban repoñer a súa vida, o Ministerio de Facenda petaba nas súas portas pedindo cacho, pois todo o mundo ten que saber que neste estado tan xusto non existe ningún beneficio fiscal por ser vítima dunha expropiación forzosa.

“Venta forzada en la que hubo un beneficio”; así é como se refire Facenda a unha expropiación forzosa. Con este concepto Facenda trata os casos como se fora unha compra-venda ordinaria de calquera inmoble. A cantidade a pagar depende de moitos factores como a situación catastral, a valoración do inmoble, a cantidade gastada na compra da vivenda nova ou incluso o empadroamento do propietario. AER ten constancia de que todos os casos pasaron por pagar uns cantos miles de euros para o fisco, ata hai un caso que supera os 40.000€ con ameaza de recargo, por un mal asesoramento dos propios servizos de Facenda.

AER deu traslado de toda esta problemática ao Ministerio de Fomento nas comisións de seguimento das obras de ampliación da AP-9. Non pode ser que nun abrir e pechar de ollos, entre o IVE e as plusvalías, o Estado recupere parte das indemnizacións por unha expropiación forzosa dun fogar. Os grandes xestores de Redondela, os ”conseguidores de adendas” PP e PSOE, tamén son coñecedores destas circunstancias; pero para isto calan, para isto non saen iniciativas parlamentarias dende Redondela. Para isto non hai autobuses gratis a Madrid nin veñen deputados para dar roldas de prensa.