AER denuncia que a demolición parcial do colexio Igrexa de Chapela

AER denuncia que a demolición parcial do colexio Igrexa de Chapela, para levantar un muro, o cal permitirá abrir o carril de AUDASA, xa está acordada por Fomento, Xunta e Goberno Local; ás costas da comisión de seguimento da AP-9
Publicado por o día 30/06/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER denuncia que a demolición parcial do colexio Igrexa de Chapela

O que debería ser unha semana de fin de curso tranquilo no CEIP Igrexa de Chapela, momentos de festa e despedida, converteuse en días de preocupación e malestar para as nais e pais deste centro educativo. O alcalde de Redondela, nunha actitude de mensaxeiro do Misterio de Fomento, chegaba a toda présa convocando reunións con malas novas para o centro educativo. A mensaxe foi moi clara e precisa: Fomento precisa abrir o novo carril da autoestrada, e para iso teñen que demoler parte do centro este verán, e facer o famoso muro de formigón, que dende AER nomeamos metaforicamente ”o muro de Berlín”, pois separará ao tráfico dos nenos e nenas; dende o vindeiro curso ata que se faga un novo centro educativo na finca da “Ginaria” un ano destes. Calquera se fía das datas desta xente “tan comprometida coa cidadanía”.

O peor de todo deste despropósito son as formas empregadas polo ministerio e o goberno local: o medo e a ameaza. O mensaxeiro de Fomento, fóra da comisión de seguimento da cal é presidente, sen que constara en acta, trasladoulle a nais, pais, claustro do centro e a Asociación de Afectados o seguinte:
“Fomento vai abrir o carril. Se nos negamos a facer o muro, van abrilo igual e vós seredes os responsables da seguridade dos nenos”.

Nin a Asociación de Veciños de Chapela nin os grupos da oposición fomos informados de todos estes despropósitos. Asuntos que tiñan que ser tratados en comisión de seguimento, que para iso se creou; e sobre todo, tiñan que ser recollidos en acta, pois o calado deste asunto así o esixe.

Dende AER animamos á veciñanza e ás asociacións a manterse unidos e non ceder ante a presión e a chantaxe do Partido Popular e de Fomento.

Que gran día foi para PP o pasado 17 Febreiro! Agarrando pancartas na manifestación polo Colexio Igrexa, onde se pedía, entre outras cousas que non se abrira o carril, e que non se fixera o muro ata o traslado do alumnado ao centro novo. Dende aquela ata estas datas, a voceira do PP de Redondela deixaba frases como esta que pronunciou o mes pasado no debate sobre a AP-9 organizado polo xornal “A nova Peneira”: “ […] e fixemos unha firme defensa […] de que non se abra o terceiro carril da ampliación da AP-9 diante do Colexio Igrexa, mentres non se trasladen os nenos e as nenas. […] e se nese momento nos temos que encadear para que non se abra, non se vai abrir” (intervención de M. Carmen Amoedo, representante do PP).

Estas actitudes hipócritas e populistas son as que poñen unha cortina de fume na cara da veciñanza mentres outros organismos da mesma cor política, como o ministerio de Fomento, traballan na sombra para conseguir o seu único obxectivo: abrir a autoestrada sen ter en conta os custes sociais que están a provocar.

En AER xa nos pronunciamos no mes de xaneiro sobre este asunto, e seguimos tendo clara a nosa postura sobre o carril e o muro de AUDASA: “Nin muro de “Berlín”, nin apertura do novo carril; as nenas e nenos van primeiro”. AER xa apuntou na comisión de seguimento que se Fomento e Audasa teñen a necesidade de facer un muro por seguridade, para protexer a actividade do centro; que o faga enriba do trazado do terceiro carril quedando así bloqueado ata a construción do novo centro. Rexeitamos por completo calquera actuación na actual estrutura do Colexio Igrexa.

Dende AER denunciamos as falsas ameazas sobre a responsabilidade da seguridade do Colexio Igrexa, pois os únicos responsables son os organismos públicos: eles proxectan eles deciden. Ningunha nai, pai, mestre ou veciño de Chapela será responsable da seguridade dese centro; e non cremos que pensando o tema un pouco en frío, un pai ou unha nai sensata estea tranquila sabendo que o colexio vai estar aberto cunha autoestrada de 6 carrís a un palmo dos seus fillos.