AER denuncia o incumprimento do goberno local coa sinalización con pictogramas dos edificios públicos apobrada hai 5 meses

Os acordos concretos pasaban por sinalizar con pictogramas os edificios, dependencias, instalacións e espazos públicos do Concello de Redondela
Por o 23/03/2017 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela,Vigo
AER denuncia o incumprimento do goberno local coa sinalización con pictogramas dos edificios públicos apobrada hai 5 meses

No pleno ordinario do 29 de setembro de 2016, xa hai 5 meses, aprobouse a moción presentada pola Agrupación de Electores de Redondela (AER) sobre sinalización con pictogramas de espazos públicos. Os acordos concretos pasaban por sinalizar con pictogramas os edificios, dependencias, instalacións e espazos públicos do Concello de Redondela. Tamén pola creación dunha mesa de traballo para estudar a liña a seguir para a execución do acordo,  onde ademais dos grupos políticos participen asociacións, colectivos e/ou profesionais con coñecementos e experiencia na materia. Por último demandouse que o Concello, á súa vez, se coordinase cos demais organismos oficiais con dependencias en Redondela para que colaboren con esta iniciativa de sinalización con pictogramas nos seus espazos.

Xa transcorrido un tempo prudencial, AER considera que o goberno local amosa un total desinterese e falta de sensibilidade coas cuestións relacionadas directamente coa accesibilidade nos edificios públicos de persoas que precisan adaptacións específicas. No caso de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA), unha área de especial dificultade nelas, é o procesamento da información que vén do seu entorno social e a interacción con outras persoas. Para isto, débese apostar pola mellora da sinalización dos espazos, sinalando, non só o espazo, senón tamén a secuencia da acción, é dicir, o proceso para desenvolver a acción dentro do espazo.

No mes de decembro, en rexistro presentado pola Agrupación, volveuse a incidir sobre o estado de execución desta moción e do deseño e instalación dos pictogramas. A día de hoxe non se conta con resposta expresa, o que é significativo do desinterese do goberno local polo tema, a falta de palabra do alcalde e dos demais concelleiros no pleno do Concello enganando á nosa veciñanza e demostrando cal é a escala de prioridades na actuación política do goberno do Partido Popular de Redondela.

A Agrupación de Electores de Redondela demanda do goberno local que dea cumprimento á moción aprobada para a sinalización con pictogramas de espazos públicos, asesorándose de xeito inmediato coas organizacións expertas no tema, como poderían ser a entidade redondelá Andaina, a Federación Autismo Galicia ou incluso a través de portais virtuais especializados como ARASAAC, onde se ofrecen todo tipo de

recursos gráficos e materiais para facilitala comunicación daquelas persoas con algún tipo de dificultade nesta área. Así o están facendo xa diversos concellos en Galicia como poden ser os casos de Lugo ou o máis preto de Ponteareas, contando coas entidades expertas na temática e executando en base ao seu asesoramento. “… o dito, cuestión de vontade, que o goberno local de Redondela non ten!”.

Dende AER tamén se denuncia, que existindo traballo por facer en accesibilidade, se deixaran sen investir fondos da partida de accesibilidade e eliminación de barreiras que ben puideron destinarse á instalación dos pictogramas, o que probablemente suporía un pequeno gasto dentro desta partida.