AER denuncia o ocultismo do goberno local ante a censura a unha Drag Queen no Entroido de Verán

Publicado por o día 15/10/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER denuncia o ocultismo do goberno local ante a censura a unha Drag Queen no Entroido de Verán

O pasado 27 de agosto, a Agrupación de Electores de Redondela solicitou por escrito ao goberno local o acceso á acta do xurado do concurso da “VIII Gala Drag Queen” do Entroido de Verán 2018 e o acceso ós acordos adoptados polo Comité de Organización en relación ao desenvolvemento do concurso deste ano. Esta solicitude buscaba poder contrastar as informacións que o entorno dun dos concursantes trasladara á Agrupación. Información moi preocupante e mesmo sorprendente nun concurso enmarcado na rebeldía e irreverencia ao que se soe asociar o entroido. Na data actual, xa transcorrido un tempo prudencial, o goberno municipal non proporcionou a información solicitada cando ten a obriga de facelo transcorridos cinco días dende a solicitude realizada por un grupo da corporación.

Para AER, que esta información non se lles proporcione implica que, ou non existe acta e non se toma nota das decisións do xurado deste concurso, o que non parece unha actuación debidamente regulada, ou o que é peor, que se oculta esta información dando así veracidade ao exposto polo entorno da Drag Queen afectada.

Así pois, o entorno familiar do afectado denunciou un acto totalmente discriminatorio por parte da organización do concurso de Drag Queen e en particular polo propio alcalde de Redondela. O participante, sendo xa o segundo ano que concorre, presentou un espectáculo titulado: “Padre, hijo, espíritu santo, Amén”. O disfrace simulaba a un cardeal que se ía transformando en virxe para rematar en drag queen, acompañado de 2 rapazas disfrazadas de monxas e un rapaz que faría de Xesús Cristo, que conxuntamente realizarían o espectáculo de transformismo. Segundo a súa versión, minutos antes de subir ao escenario infórmanlle que debería suavizar e modificar o seu espectáculo, o que é practicamente imposible con tan pouca marxe de tempo. A organización indicáralle de parte do alcalde que con eses disfraces non podían saír ao escenario, co consecuente enfado dos participantes. A situación foise tensando ante unhas medidas que foron cualificados polo entorno do concursante como censura en toda regra.

De verificarse esta situación atopámonos cunha inxerencia do alcalde e da organización nun concurso que tiña unhas normas que non foron incumpridas polo participante. Unha situación de descualificación do concurso simplemente polo disfrace escollido e máis por unha composición de transformismo relacionada coa Igrexa. Ou sexa, por unha decisión persoal sen fundamento contrastable e baseada en prexuízos e un descoñecemento total da sátira e retranca da que tradicionalmente beben os entroidos de tódolos lugares do mundo. Unha atemporalidade propia do medievo se cabe.