AER denuncia que o Alcalde non convoque á Subdelegada do Goberno á Comisión de Seguimento das Obras da AP-9

Por o 22/10/2018 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER denuncia que o Alcalde non convoque á Subdelegada do Goberno á Comisión de Seguimento das Obras da AP-9
Compartir en:

Hoxe a nosa Agrupación informouse no Concello de que para a Comisión de Seguimento das Obras da AP-9 tan só están convocados os representantes habituais: o alcalde non ordenou remitir un requirimento á Subdelegada do Goberno tal e como estaba solicitado. Ademais, tamén puidemos saber que a dous días da convocatoria, Fomento e Audasa aínda non notificaron a súa asistencia. Dende a xunta de voceiros sobre os problemas da AP-9 que se celebrou no Concello o día oito de outubro, AER vén demandando ao alcalde, tanto na xunta de voceiros como por rexistro, que convocase a Comisión de Seguimento das Obras da AP-9 de xeito urxente, para forzar de forma administrativa á Subdelegada do Goberno a pronunciarse, pois non contestaba aos escritos da Alcaldía.

AER fixo este requirimento para reactivar esta comisión, que se atopaba pechada dende xaneiro e xa non se ía a convocar máis; pois así o acordaron Fomento, Audasa, Concello, PP e a Asociación de Afectados AP-9. Todos concluían que obras da autoestrada estaban rematando e que as reposicións e melloras estaban en marcha grazas ás reunións que mantiñan “fóra de formato”, ás costas da comisión. Ou sexa, que tiñan todo atado e tan atado que ata se permitiron presumir e desprestixiar aos que non comulgaban con eles, pois os métodos, solucións e propostas dos demais non eran ben recibidas. As actas de comisións pasadas deixan frases como:

Concelleira de urbanismo: “Hai cousas que son o que son e non se poden resolver tan doadamente. Os plantexamentos que está poñendo enriba da mesa o representante de AER son para xerar dúbidas pero as cousas realmente non foron así, houbo compromisos que hoxe son unha realidade.”(Xaneiro 2018).

Afectados AP-9: “Pide un respecto para os integrantes da C.afectados. Indica así mesmo, que non se pode chegar a esta comisión reclamando e esixindo cando en moitos anos non se fixo nada de nada. Insiste en que foron os que conforman a C.Afectados AP-9 os que estiveron ao longo dos anos traballando polas melloras en Chapela.”(Xaneiro 2018).

Resumindo. Os problemas dos servizos da AP-9 están nunha fase que depende das decisións do goberno do estado, “facendo caso”” ao que afirmaba e afirma de forma incansable Javier Bas, de que todo o traballo do goberno local e Fomento estaba feito; e, cando diante das cámaras afirmaba en xaneiro “que se facía xustiza con Chapela” nunhas xestións incansables. Os proxectos estaban realizados, tratados, enviados e os compromisos adquiridos, polo que xa non facía falta a comisión de seguimento. En cuestión duns meses a solución xa asomaba pola porta. Entón acolléndonos á verdade do propio alcalde, o único organismo que ten competencias e capacidade para deixar claro como está o proceso é o Goberno do Estado representado nesta provincia pola Subdelegada do Goberno, polo que está comisión sen a súa presenza non ten utilidade. Dende AER tememos que imos asistir a unha comisión onde se van a tentar xustificar xestións e acusar aos colectivos críticos co seu labor de todos os retrasos e problemas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.