AER denuncia que o goberno local do PP de Redondela adxudica axudas culturais “encubertas” a empresas privadas

Publicado por o día 31/03/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER denuncia que o goberno local do PP de Redondela adxudica axudas culturais “encubertas” a empresas privadas

Mentres que as asociacións, centros culturais e entidades socioculturais sen ánimo de lucro de Redondela teñen que optar a axudas para a organización de festivais en concorrencia competitiva e cun máximo de 3.000 € por proxecto, o goberno local dedícase a outorgar axudas encubertas a dedo de case 7.000 € para eventos privados organizados por empresas sen vinculación algunha coa cultura de Redondela. Esta é a conclusión da Agrupación de Electores de Redondela tras examinar a relación de facturas a pagar do ano 2017 onde se indica que se abonou á promotora e produtora de eventos musicais “Sinsalaudio S.L.” a cantidade de 6.799,99 € en concepto de patrocinio de actividade do “Festival Sinsal Son Estrella Galicia”.

Fóra dos festivais que contan con convenio regulado co Concello de Redondela, aprobados en pleno público en base ao seu interese xeral e traxectoria, os festivais locais máis humildes unicamente poden optar a unha axuda unha vez a administración local convoca a liña de subvencións específica, normalmente cara finais de ano xa cos eventos rematados. Estas entidades deben aportar gran cantidade de documentación e facturas xustificativas dos gastos realizados e defender xustificadamente os méritos do proxecto presentado, sendo avaliados en concorrencia competitiva, mesmo coa posibilidade de que esa axuda se lle denegue. Así pois, na edición do ano 2017 os festivais propios de Redondela recibiron axudas que ían dende os 301 € o que menos recibiu, ata os 2.500 € ao evento que maior contía de axuda acadou. Estas cantidades están moi lonxe dos 6.799,99 € que o goberno local decidiu de xeito unilateral e sen dar explicacións ao respecto outorgar a un evento externo, sen que as iniciativas locais tiveran tal opción en ningún momento.

Xa no ano 2015, a Intervención do Concello avisaba ao goberno local dunha intentona anterior de abonar os gastos deste mesmo festival de xeito directo e sen control; lembrando que o Concello non organiza o evento, polo que non debe afrontar o pagamento dunha factura polas viaxes en barco ata a illa dos asistentes ao festival:

Segunda: consta unha factura da empresa CRUCEROS ÁNGEL polas visitas durante o festival Sinsal. Este festival non é organizado polo Concello de Redondela, de tal xeito que incuso o Concello pagou unha factura por patrocinio (publicidade) do devandito festival, polo que a xuicio desta Intervención, o Concello non debe afrontar o pagamento desta factura. Fonte: REf: ASR-31.12.2015 Reparo. Asunto: Recoñecemento extraxudicial de créditos

AER considera que en Redondela existen procedementos regulados de axudas cunhas bases ás que rexerse, xa sexan a través da figura do convenio ou a través de convocatoria de subvención por concorrencia competitiva. Para nada é de recibo que se ocultara esta forma directa de axudar a eventos ou festivais sen pasar polos mesmos filtros que os demais eventos programados polas entidades de Redondela que levan anos traballando en prol da dinamización cultural da vila e parroquias. Resulta aínda máis grave cando o “agasallo a dedo” foi outorgado a unha promotora ou empresa privada.

Problemas co material propio para eventos

A situación resulta aínda máis sorprendente cando AER ten denuncias por parte de entidades locais organizadoras de eventos, sobre situacións en que o goberno local rexeita colaborar prestando temporalmente material propio ou mesmo boicoteando a última hora, ao non aportar alternativas a eses mesmos actos culturais. Un dos casos máis salientables é o rexeitamento a prestar o palco propio que posúe o Concello de Redondela, palco adquirido para uso de toda a veciñanza coa obvia preferencia para os actos programados pola administración local, e pagado cos recursos económicos do Concello, non cos recursos económicos do Partido Popular. Así pois, baixo a premisa de “o noso palco non o deixamos”, o Partido Popular de Redondela faise dono e señor do material propio do Concello e mesmo desenvolve a figura de xuíz decidindo sen criterio algún a quen llo deixa e a quen non. Casos hainos diversos, tal como as feiras que organiza a Asociación de Empresarios de Redondela onde o Concello pon a súa disposición todo tipo de material, incluída a man de obra para a súa instalación e mesmo recollida. Situación que contrasta sorprendentemente coas dificultades para a prestar, instalar e desmontar palcos, tarimas e postos de artesanía por parte de numerosas entidades sen ánimo de lucro programadoras de eventos, ou mesmo, o que é peor, a denegación de prestar material complicándolle ás asociacións poder dar unha actividade de maior calidade á veciñanza en colaboración co Concello de Redondela.

Fronte a esta situación de “poñer paus nas rodas” ao movemento cultural de Redondela atopámonos cunha situación de “alfombra vermella” a proxectos de empresas culturais foráneas, tal como xa acontecera no seu día co Lolapop e agora co Sinsal Son Estrella Galicia. Un goberno local que adxudica axudas culturais encubertas a dedo sen luces nin taquígrafos, de portas para dentro no despacho de alcaldía.