AER esixe a dimisión de Xoán Carlos González, voceiro do BNG

O comportamento de González no Pleno do pasado 22 de decembro foi claramente machista, pero nin el se ten desculpado coas mulleres polo seu comportamento nin coa nosa voceira, Susana Couñago.
Publicado por o día 29/12/2020 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER esixe a dimisión de Xoán Carlos González, voceiro do BNG

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) esixe a Xoán Carlos González unha desculpa sincera ás mulleres en xeral, e a Susaña Couñago en particular ou, en caso contrario, pedirá a súa dimisión no Pleno do Concello de Redondela.

O pasado día 22 de decembro, no Pleno ordinario do Concello de Redondela, cando se discutía un punto sobre as horas extras do funcionariado, o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, dirixiuse á voceira de Redondela, Susana Couñago, nos seguintes termos: “ti, como muller, tes que ter un papel máis decisivo nas comisións e nas xuntas de voceiros”.

No Oxford English Dictionary definen o “mansplaining” do seguinte xeito: “trátase de explicar algo a alguén, tipicamente de home a muller, dun xeito considerado condescendente”. Foi a escritora estadounidense Rebecca Solnit quen utilizou este termo por primeira vez no seu ensaio (2008): “Os homes explícanme cousas”. O concepto “mansplaining” basicamente é un menosprezo dun home ao seu interlocutor polo mero feito de que é unha muller e, polo tanto, supón que esta ten unha capacidade de comprensión inferior a do home.

Ese foi exactamente o comportamento de Xoán Carlos González cara a Susana Couñago como se pode comprobar no vídeo do Pleno. Xoán Carlos tivo o valor de dicirlle a Susana como se tiña que comportar nas comisións. Pero nós entendemos que González foi máis aló. Díxolle o que tiña que facer “como muller”. Repetiu esta expresión ata dúas veces.

Nin AER nin Susana Couñago queremos facer deste lamentable episodio unha causa de guerra política, pero se defendemos a tolerancia cero co machismo, non podemos pasar por alto comportamentos que atentan contra a muller, máis propios doutras formacións políticas que dun membro do Bloque Nacionalista Galego, que ten o feminismo como unha das súas bandeiras. Para AER será suficiente con que Xoán Carlos manifeste as súas sinceras desculpas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.