AER fai as súas propostas concretas ao Redondela 2020 prevalecendo as pequenas actuacións significativas e con demanda veciñal

AER, ante a petición de proporcionar propostas e aportacións concretas de cara a debater que accións se poderían realizar baixo a axuda do Redondela 2020, ven de facer as súas achegas a través dun informe concreto presentado no Concello o pasado xoves 2 de febreiro
Publicado por o día 14/02/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela,Vigo

AER fai as súas propostas concretas ao Redondela 2020 prevalecendo as pequenas actuacións significativas e con demanda veciñal

AER, ante a petición de proporcionar propostas e aportacións concretas de cara a debater que accións se poderían realizar baixo a axuda do Redondela 2020, ven de facer as súas achegas a través dun informe concreto presentado no Concello o pasado xoves 2 de febreiro.

Tomando como base achegas da veciñanza e diversas demandas detectadas nos últimos anos, así como aspectos xa plasmados no seu programa electoral, a Agrupación de Electores de Redondela realizou unha escolma de actuacións que consideran poden encaixar perfectamente nas diferentes liñas concretas da axuda de 5 millóns de euros concedida ao Concello de Redondela polo Redondela 2020. As actuacións propostas pretenden ser unha achega ao debate de cara á concreción de proxectos para dar cumprimento con este proxecto, esperando que sexan consideradas polo goberno local e do mesmo xeito valoradas pola veciñanza.

Así pois, a aposta por sendas escolares para peóns e bicicletas, a mellora das interseccións coas estradas “nacionais” do Camiño de Santiago ou mesmo humanizacións na zona de Vilavella, no entorno do Colexio de Cesantes ou no paseo actual da praia Punta, son algunhas das ideas que AER considera que emanan directamente das demandas veciñais dos últimos anos e do propio espírito do Redondela 2020. Propón a súa vez, a creación dun Observatorio Municipal da Discapacidade e actuar na accesibilidade e nas barreiras arquitectónicas das beirarrúas e nos edificios e pavillóns municipais. Ou sexa, poñendo ás persoas no centro das actuacións.

En canto á redución da contaminación apóstase por actuar sobre a EDAR e mesmo crear microdepuradoras, tentar crear definitivamente o punto limpo de Redondela e seguir coa aposta da compostaxe. A mellora e ampliación da senda da Auga ata Ventosela e O Viso, e en Chapela ata o propio casco urbano, é outra das peticións que poderían encadrar no Redondela 2020, que xa as comunidades de montes téñeno demandado en diversas ocasións. Neste senso tamén se aposta pola ampliación das zonas verdes urbanas de Redondela e Chapela e facer unha potenciación conxunta da rede de sendas verdes que xa existen no concello.

AER tamén propón aproveitar esta axuda para reformular un novo portal de transparencia específico para Redondela, así como para integrar a páxina web do Concello e aproveitala para difundir valores históricos do concello e mesmo documentos e a base de información do arquivo municipal. En canto ao tecido comercial, apóstase polas melloras e a potenciación dos mercados municipais con obras concretas e apostar por paquetes turísticos poñendo en valor os recursos de calidade propios do Concello, xa sexan históricos (Cemiterio dos Eidos, Telleiras de Cesantes, Monte Penide, Meirande, etc), de ocio de calidade (ruta de festivais de Redondela, viaxes marítimos, etc) así como de natureza coas diferentes sendas verdes ou cos recursos paisaxísticos dos nosos montes e da costa de Redondela.

A nivel social, apóstase pola creación dunha bolsa Municipal de Vivenda, por actividades de ocio saudables entre a mocidade e avanzar cara a construción dunha Escola Infantil en Chapela e dun Centro de Día na zona de Trasmañó-Chapela.

En canto a instalacións deportivas, as demandas veciñais que se teñen percibido pasan pola reforma do Campo de Fútbol do Cesantes-O Viso, a dotación dunha pista de atletismo municipal ou a creación dunha área de multipistas abertas familiar de baloncesto, patinaxe e monopatíns e patinetes no entorno urbano de Redondela.

Finalmente en canto aos recursos culturais e históricos de Redondela, apóstase entre outros pola posta en valor inminente das Telleiras de Cesantes, a toma de medidas para a restauración do Cemiterio dos Eidos, a sinalización de xacementos, casonas históricas, patrimonio industrial, etc; e en dar pasos firmes para a creación do futuro museo de historia e antropoloxía de Redondela (Mudhar).

Dende AER espérase que as propostas realizadas sexan compartidas tanto polos demais grupos políticos como pola veciñanza de Redondela e que se sumen ás demais propostas que se fagan. Neste senso, a Agrupación de Electores cre primordial e así o demandará, que as actuacións que se propoñan sexan tamén consultadas nos respectivos Consellos Parroquiais.