AER fai un chamamento á veciñanza para implicarse no proxecto iniciado no 2011

Queres que haxa unha Agrupación de Electores de Redondela nas vindeiras eleccións municipais?
Por o 06/10/2018 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER fai un chamamento á veciñanza para implicarse no proxecto iniciado no 2011

Queres que haxa unha Agrupación de Electores de Redondela nas vindeiras eleccións municipais?

DEPENDE DE TI!

Dende AER consideramos que a participación da veciñanza na política non debe cinguirse a votar cada catro anos. Nunha “democracia real” a cidadanía debe implicarse na vida cotiá do Concello, participando nas decisións que se toman no día a día na administración local.

Dende AER tamén sempre pensamos que nos grupos políticos debe haber unha renovación constante. Unha renovación de forzas, ideas, ganas… e unha renovación de persoas; para manter viva a chama da indignación e da ilusión que prendeu na xente en maio do 2011 e para extinguir a figura d@ polític@ profesional que vive nunha burbulla sen saber do que nos pasa ó resto.

A Agrupación de Electores de Redondela vai facer 8 anos con representación no Concello. Pola corporación xa pasaron 9 concelleir@s distint@s, e durante todos estes anos, varias persoas deixaron de participar en AER mentres que outras persoas decidiron entrar a traballar na Agrupación. En AER trabállase en equipo, en asemblea, e todas as opinións son igualmente valiosas. AER non é un partido político, nin ten estrutura xerárquica, polo que non hai nin presidentes, nin secretarios xerais, nin xefes, nin man- dados . En AER están descartados os “elitismos”.

No 2019 temos no horizonte unhas novas eleccións municipais. Con optimismo, pensamos que hai moitas posibilidades de que haxa un cambio no goberno do Concello, e que AER pode formar parte del. Con realismo, consideramos que AER debería contar con máis membros, tanto para o traballo cotián como para cumprir co seu obxectivo de renovación: necesitamos nova xente disposta a traballar e nova xente disposta que dea a cara para poder rotar as figuras de primeira liña. @s representantes de AER non van perpetuarse nos cargos, non imos converternos no sistema contra o que loitamos: non somos a túa voz, construímos un micrófono para que ti poidas falar. Como dixemos sempre NON QUEREMOS NIN PASTORES NIN OVELLAS.

Dende a Agrupación de Electores de Redondela animamos á veciñanza que pense coma nós a que se implique no proxecto de AER, xa que sen vós e a vosa implicación, este proxecto non tería sentido.

Hai moitas formas de participar, pero todas empezan por poñerte en contacto co resto do equipo: achégate ás reunións abertas que celebramos todos os mércores ou escrébenos a info@aeredondela.com

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.