AER leva ao pleno municipal unha batería de propostas prácticas para a prevención e defensa contra os lumes forestais

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) leva unha batería de propostas ao vindeiro pleno para o seu debate, relacionadas coa prevención e defensa ante incendios forestais. Estas propostas xa foran presentadas no pasado consello forestal do mes de novembro de 2017 para a súa toma en consideración, pero dende aquela non se tiveran novas ao respecto por parte do goberno local.
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER leva ao pleno municipal unha batería de propostas prácticas para a prevención e defensa contra os lumes forestais

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) leva unha batería de propostas ao vindeiro pleno para o seu debate, relacionadas coa prevención e defensa ante incendios forestais. Estas propostas xa foran presentadas no pasado consello forestal do mes de novembro de 2017 para a súa toma en consideración, pero dende aquela non se tiveran novas ao respecto por parte do goberno local.

A principal proposta pasa pola redacción do “Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais”, sendo obrigatorio por lei contar con tal documento e coas necesarias e sucesivas revisións. Como complemento necesario proponse a elaboración detallada dun “Inventario e estudo de infraestruturas forestais”. Os obxectivos deste inventario e plan pasarían por:

* Delimitar a rede de defensa contra incendios do termo municipal.

* Inventariar e catalogar as infraestruturas de uso forestal existente no termo municipal.

* Identificar as referencias catastrais afectadas pola rede secundaria de faixas de xestión de biomasa e caracterizalas.

* Inventariar e catalogar os medios dispoñibles no termo municipal para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

* Diagnosticar a situación actual do termo municipal en canto á prevención e defensa contra os incendios forestais (análise de riscos, zonificación, …).

* Establecer propostas de actuación para a prevención contra os incendios forestais.

* Recoller a regulación de aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a incendios forestais.

* Realizar unha análise económica das actuacións recollidas no plan.

Outras medidas postas enriba da mesa pasarían por mellorar as condicións, medios e coñecemento no que se refire á problemática dos incendios forestais de cara a estar ben preparados como concello de cara a cando se volva dar un novo episodio. Así pois AER fai as seguintes propostas para o seu debate en pleno:

1. Mellora das dotacións do servicio de emerxencias para a extinción de incendios.

2. Dotación de batelumes e mochilas de auga ás comunidades de montes.

3. Creación de rede de hidrantes en puntos claves das parroquias de cara a que os servizos de extinción teñan en condicións de extrema urxencia puntos de carga rápidos e cómodos. .

4. Apoio á creación de franxas verdes nos montes.

5. Educación ambiental/forestal mediante a realización de xeito periódico de accións formativas nas diferentes parroquias sobre temática relacionada co eido forestal e a defensa e prevención de incendios forestais:

§ Medidas de autodefensa e prevención de incendios forestais de zonas habitadas.

§ Planificación e ordenación forestal de cara a minimizar o risco de incendio forestal.

§ Certificación forestal como medio de posta en valor da xestión do monte.

§ Usos alternativos do monte de cara á multifuncionalidade.