AER: A nefasta xestión da Policía Local de redondela por parte do Partido Popular

Publicado por o día 24/05/2017 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela,Vigo

AER: A nefasta xestión da Policía Local de redondela por parte do Partido Popular

A semana pasada asistiamos a dúas novas en prensa que facían referencia explícita á Policía Local de Redondela. Por unha parte, a demanda da Federación de Asociacións De veciños “San Simón” de máis presenza policial nas noites festivas e con máis afluencia á nosa vila. Por outra parte, temos a “estraña” nova de ver como un mando da Policía Local de Redondela pasa a ser xefe da Policía Local de Gondomar, mentres o alcalde de Gondomar pasará a ser inspector de Policía Local no Concello de Redondela. O mundo ao revés!.

A falta de efectivos na Policía Local de Redondela é unha preocupante realidade dende hai tempo. Dos vinte e oito axentes actuais, dez están de baixa (máis dun terzo). A isto temos que engadir que dende hai uns meses, a Policía Nacional deixou de prestar servizo nocturno no noso concello e só acude en caso de ser solicitada. Ao longo deste ano, o noso Concello vai contratar a nove auxiliares de policía por períodos de seis meses (auxiliares que non poden desempeñar as funcións propias dun policía), mentres en anos anteriores só contrataba a catro. Ademais, preténdese cubrir en comisións de servizos cinco postos máis, algo que xa viña sendo unha demanda histórica dos sindicatos policiais, á que o equipo de goberno actual sempre se negou.


Dende AER entendemos que este aumento na contratación de efectivos responde á negativa por parte dos axentes de facer horas extras dende o pasado mes de Nadal, debido a discrepancias co goberno local e, particularmente, co Concelleiro de Interior (ao que o alcalde lle dá o máximo respaldo unha e outra vez). Sobre estas horas extras que os axentes se negan a realizar, cabe mencionar que hai pouco máis dun ano, durante a celebración do Luns do Cristo de 2016, dez (10) foron os axentes aos que o goberno local lles asignou a realización de horas extras de reforzo pola celebración da procesión dese día. Un deses axentes estreaba cargo de inspector en comisión de servizos, asistindo á procesión ao carón de quen o nomeara para o cargo e baixo as súas ordes, o alcalde de Redondela. O Concello de Redondela aboou estas horas extras por participar nun evento relixioso, o que tivo que ser unha instrución directa ou do xefe de persoal do Concello, ou sexa, o Alcalde, ou do responsable do Departamento de Interior.

No caso da praza de inspector de Policía, dende AER solicitamos a comparecencia do alcalde en xaneiro do ano pasado para que se nos explicaran as decisións tomadas respecto deste posto. Lembramos que o goberno local mudou o seu criterio e convocouna por mobilidade horizontal en vez de por promoción interna. A esta praza presentáronse dúas persoas e o vencedor foi o actual alcalde de Gondomar e antigo inspector da policía dese concello. Sacando esta praza por mobilidade horizontal, o goberno local do Partido Popular era consciente da posibilidade de que quen gañara non ocupase a praza… pois ben, isto é o que dicía o alcalde de Gondomar (novo inspector da policía local de Redondela) no diario Faro de Vigo: “espera non chegar a vestir o uniforme nas dependencias redondelás polo momento, xa que solicitará unha excedencia por ostentar un cargo público en canto acceda ao posto. Aínda non ten claro se o fará no futuro, xa que espera dar por terminada a súa etapa policial y exercer como avogado cando deixe a Alcaldía. Esta praza de inspector quedará vacante durante moitos anos a pesar de que o goberno local puido cubrila con membros da Policía Local de Redondela; pois había dous funcionarios que podían aspirar a este posto de inspector: a persoa que actualmente desempeña este cargo en comisión de servizos (por decisión unilateral por parte do alcalde); e o recentemente nomeado xefe da Policía Local de Gondomar.