Desde AER denuncian que non aceptarán “chantaxes” do PP de Redondela

No pleno de xullo, por urxencia e sen consenso de ningún tipo, o PP trouxo unha incorporación de crédito de remanentes (o que non se executou ou sobrou de anos anteriores) por valor de 1.102.987,95€
Por o 07/08/2017 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
Desde AER denuncian que non aceptarán “chantaxes” do PP de Redondela

No pleno de xullo, por urxencia e sen consenso de ningún tipo, o PP trouxo unha incorporación de crédito de remanentes (o que non se executou ou sobrou de anos anteriores) por valor de 1.102.987,95€.

Acúsan a AER a Sra. Amoedo de “desprezar e ignorar as necesidades dos redondeláns” e de “responder a intereses partidistas” fronte a unhas “obras esenciais e urxentes”. Está claro que a Sra. Amoedo e o PP de Redondela xa levan tempo confundindo os intereses e necesidades dos redondeláns co que eles deciden e pensan. Tampouco parece ter comprendido que unha Agrupación de Electores pouco interese “partidista” pode ter, segundo o seu entender, ou sexa, mercadear con votos para acadar ou manterse no poder. Non cabe tal cuestión nunha agrupación de electores coma AER.

Salientan que se lle propuxo deixar sobre a mesa a proposta para chegar a un acordo consensuado. Propondo AER que se establecese un acordo sobre o uso (no caso de non terse executado as obras propostas) dos cartos que quedarían a libre disposición do goberno local. E un consenso respecto do modelo de contratacións, dada a discrepancia que mantemos pola súa maneira de adxudicar contratos. A Sra. Amoedo negouse en redondo a pesares de ofrecerlle a posibilidade dun pleno extraordinario na maior brevidade para aprobalo. Ou sexa, fronte ao imperativo de aprobar si ou si e XA a súa proposta, propuxemos estudalo e facelo na seguinte semana por consenso. A Sra. Amoedo, respaldada polo alcalde, co estraño sentido da responsabilidade do PSdeG PSOE, tiraron para adiante.

Non é certo que as obras se teñan que adxudicar nin facer este ano. Só teñen que estar aprobadas e na fase de adxudicación (informes técnicos, informes de intervención, resolución de alcaldía, etc.) Cantas están dispostas? Sorprende que das 12 propostas (incluída a famosa urbanización da Xinaria) ningunha está nesa situación.

En AER xa estamos fartos destes procedementos de chantaxe de última hora, destes “órdagos” ou farois propios de “tahures” do solitario. Queren aprobar proxectos con competencia do pleno? Estamos dispostos a negociar. Queren barra libre para facer o que queiran? Pola nosa parte vai ser que non. Non imos colaborar para que unha competencia do pleno pase a ser competencia do alcalde sen ningún tipo de control.

Estaba AER disposta a incorporar este remanente de crédito? Si, pero fixando claramente as condicións de adxudicación que se ían desenvolver e os mecanismos de contratación que se establecerían. Esas foron as condicións que o PP non estaba disposto a aceptar. Por que? Para nós, o PP só tiña o obxectivo de incorporar o remanente. As obras son a desculpa.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.