AER pide a paralización das obras do paseo de Maceiras segundo o ditado pola autorización de Augas de Galicia

Publicado por o día 07/05/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER pide a paralización das obras do paseo de Maceiras segundo o ditado pola autorización de Augas de Galicia

O pasado 1 de maio soubemos pola prensa (“Faro de Vigo” do 1 de maio) que se van reiniciar as obras do paseo do río Maceiras. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, explicaba deste xeito que as intensas chuvias dos dous últimos meses impediran realizar os traballos:

“[…]”Ata o momento só se puideron realizar varios muros de pedra cando arrincaron as obras en febreiro, pero coas choivas o barro facía imposible os traballos e tiveron que parar ata agora. Nos últimos días volvéronse a retomar co obxectivo de que o paseo poida estar listo para principios de xuño”, indica Álvarez.[…]”

Dende AER vimos de pedir por rexistro a paralización destas obras por incumprir a condición número 5 da autorización de Augas de Galicia que di o seguinte:

“5. Os traballos non se poderán executar entre abril e xuño, ambos incluídos, durante o período de reprodución e cría da fauna da foresta.”

Non sabemos se o concelleiro é un incompetente por non coñecer as condicións da autorización de Augas de Galicia ou un inconsciente por coñecelas e facer caso omiso delas.

No caso de que o Concello sexa sancionado economicamente por incumprimento das condicións da autorización, dende AER esixiremos que pague o concelleiro do seu peto ou o Partido Popular. Non sería de recibo que o seu mal labor se pague con cartos públicos de toda a veciñanza.

Lembrámoslle tamén ao Partido Popular, e especialmente ao concelleiro de Medio Ambiente, que esas obras, en opinión de AER, eran totalmente innecesarias xa que a senda xa existía e estaba a ser utilizada pola veciñanza. Así llo fixemos saber no seu momento ao equipo do goberno recomendándolles unha actuación branda de desbroces puntuais cando foran necesarios, retirada de flora invasora e repoboación con flora autóctona. Fixeron caso omiso e preferiron gastar 50.933,18 € en desnaturalizar o río .