AER presenta unha moción para reprobar ao voceiro do BNG de Redondela

Ante a falta de desculpas por parte de Xoán Carlos González, AER solicita ao pleno a súa reprobación polas expresións machistas vertidas na última sesión de decembro.
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER presenta unha moción para reprobar ao voceiro do BNG de Redondela

O vindeiro xoves 28 de xaneiro vai celebrarse un novo pleno telemático, onde, entre outros asuntos, vai debaterse unha moción presentada pola Agrupación de Electores/as de Redondela (AER). En dita moción, AER pide a reprobación do voceiro do BNG de Redondela, Xoán Carlos González, polas verbas realizadas no pleno do 22 de decembro de 2020, e nas que lle di á voceira de AER como ten que actuar “como muller”. Nos acordos da moción tamén se lle esixe ao edil unha rectificación pública por ditas expresións.

No último pleno do ano 2020, a pesar do malestar expresado na propia sesión pola voceira de AER (Susana Couñago), o voceiro do BNG optou por non dar explicacións sobre a súa desafortunada frase. E pasados os días, en vez de emitir unhas desculpas por unhas lamentables verbas machistas, o BNG de Redondela emitiu un comunicado nas súas redes sociais onde esquiva o asunto en cuestión e manipula sobre unha serie asuntos paralelos. AER quere aproveitar para rebater estas argumentacións onde o BNG terxiversa varias cuestións:

1) Di o BNG que “AER non ten credibilidade para falar de machismo porque dende que ten representación no Concello a maioría dos concelleiros/as de AER son homes”. Segundo ese razoamento, o propio BNG de Redondela tampouco tería credibilidade, xa que dende o 2011, de 5 postos de representación no Concello, a maioría (3) foron para homes. A AER non se lle ocorrería dicir que o BNG era máis feminista no 2011 cando levaba a unha muller de candidata e agora menos feminista por levar en dous comicios locais seguidos a un home de candidato. Nin a AER se lle ocorrería dicir que o PP de Redondela é o grupo político máis feminista ou con máis credibilidade para falar sobre o machismo por ter a maior porcentaxe de mulleres entre a súa representación no pleno. AER considera que non se é mais feminista por ter máis mulleres nunha asociación, entidade ou organización. O importante é a actuación do día a día, na cal se demostra a defensa dos dereitos das mulleres.

2) Fala o BNG que “non nos van dar leccións de feminismo dende AER despois de non apoiar a equiparación salarial da alcaldesa, Digna Rivas, co anterior alcalde, Javier Bas”. AER votou o mesmo na proposta de salario de 45.000 euros para Bas no 2015 que na proposta de 45.000 euros para Rivas no 2019: abstívose e non impediu que se aprobara. AER considera que a proposta de salario da Alcaldía non ten que ver co xénero, senón con coherencia política. AER fai propostas para os salarios de cargos públicos, como a Alcaldía ou as concellerías, e non propostas segundo sexan homes ou mulleres. AER propuxo que Digna Rivas debería cobrar, por coherencia, o que propuxera o propio PSOE de Digna Rivas para a Alcaldía de Javier Bas no 2015 (40.000 euros). Coherencia que lle falta ao BNG cando no 2011 vota a favor de que Javier Bas cobre 55.800 euros e no 2019 vota que Digna Rivas cobre 45.000 euros. E a AER non se lle ocorre dicir que o BNG é machista porque o BNG favoreza que un home como Javier Bas cobre 10.500 euros máis que unha muller como Digna Rivas; máis ben dirá que o BNG carece de criterio.

3) Tamén di o BNG que “dos tres integrantes da Agrupación de Electores, á concelleira que foi no seu momento cabeza de lista, se lle asigna un soldo menor que aos dous homes”. Se o BNG fixera unha simple regra de 3, podería comprobar que todas as concelleiras e concelleiros do equipo de goberno, incluído AER, cobran do mesmo xeito: cobran en función da súa dedicación. A concelleira de AER ten unha dedicación do 60 % e os concelleiros de AER teñen unha dedicación do 75%. A dedicación de cada representante de AER foi confirmada en Asemblea atendendo ao solicitado por cada unha das persoas en función da súa situación persoal e laboral, e neste caso Susana Couñago solicitou esa porcentaxe porque quería compaxinar o seu traballo dentro do Concello co seu traballo coma letrada en activo. E a AER non se lle ocorre dicir que o BNG é machista ou menos feminista por outorgar o cargo de voceiro (con máis dedicación e salario) ao seu concelleiro e non á súa concelleira.

4) Incluso se atreve a dicir o BNG que “o presunto discurso feminista de AER, achégase ás teses progres do PSOE” por “presentar conxuntamente para o 25 de Novembro, unha moción na que se recollían expresións como “violencia doméstica”, que tanto dano están a facer”. Analizado o texto da moción, cousa que visto o visto non fixo o BNG, aparece ata en 31 veces a palabra “violencia”, pero sempre ligada ás expresións de “violencia de xénero”, “violencia contra as mulleres” ou “violencia machista”; non se recolle en ningún momento a expresión “violencia doméstica” tal como afirma o BNG. A única referencia ao fogar é unha cita textual da Directora Executiva de ONU Mulleres, que fala sobre o impacto da Covid-19 nas mulleres, e onde di que “o confinamento é a situación perfecta para exercer un comportamento controlador e violento no fogar”. Descoñecese o dano que pode facer ao feminismo esta expresión da moción. O que seguro que fai dano ao feminismo é mentir para utilizalo como arma partidista, tal como fai o BNG de Redondela.

5) Afirma o BNG que “no período 2011/2019 AER evitou participar nos actos de repulsa de violencia machista mensuais. Eses actos foron eliminados polo bipartito PSOE/AER.” Hai que lembrar que a eliminación do minuto de silencio do centro de Redondela para trasladalo ás parroquias foi unha decisión democrática adoptada despois dunha votación no Consello Municipal da Muller. AER quere que o protagonismo e as fotos sexan para os colectivos. No período 2011/2019 e dentro das súas posibilidades persoais e laborais, varios concelleiros e concelleiras de AER asistiron durante eses anos a numerosos actos mensuais contra a violencia machista, pero non se colocaban en cabeza, senón entre o público. Quen evitou participar nos pasados actos institucionais do 25 de novembro contra a violencia machista foi o BNG, xa que como dixo publicamente, era unha programación “pouco ambiciosa”. Din que é pouco ambiciosa pero ao mesmo tempo o BNG non fai ningunha proposta no Consello da Muller. Debe pensar o BNG que é a única forza política lexitimada para non ir aos actos institucionais contra a violencia machista.

6) Fala o BNG de que “a concelleira de AER, tras afirmar numerosas veces que a concelleira nacionalista mentía, acabou recoñecendo que o BNG realizara aportacións para fomentar a participación das mulleres.” Novamente, o BNG volve falsear a realidade. O que AER dixo no pleno é que o BNG non fixera ningunha aportación relativa á cuestión de xénero ao borrador do regulamento dos Consellos Parroquias; e que si fixo alegacións nas bases das subvencións de Participación Cidadá. Alegacións que, ao contrario do manifestado pola concelleira do BNG, si que se tiveron en conta nas bases das subvencións publicadas no 2020. A Concelleira do BNG, Jéssica García, acaba demostrando que non lera ditas bases.

Comentar noticia

Your email address will not be published.