AER presentara unha mocion en defensa do Río Verduxo e dos bancos marisqueiros

Por o 21/12/2017 | Sección: AER,Política,Redondela
AER presentara unha mocion en defensa do Río Verduxo e dos bancos marisqueiros
Compartir en:

É propio de certos políticos amosar un cóctel entre total descoñecemento e prepotencia que os levan a tomar decisións de consecuencias imprevisibles e moitas veces irreparables. Co anunciado transvasamento do Verduxo AER considera que nos atopamos nun deses casos.

Durante anos vense advertindo da problemática da escaseza da auga e da necesidade de poñer remedio a un uso abusivo dela. A concienciación debe ir máis alá de certas campañas publicitarias. Aquí parece que todo se arranxa gastando cartos en publicidade.

Como se xestiona a auga? O primeiro que hai que dicir é que non existe control algún sobre as empresas concesionarias nin do seu deber de mantemento para evitar fugas. Descoñecemos canta auga se perde inutilmente durante o ano. Un exemplo recente témolo en Chapela, onde unhas instalacións sen renovar e manifestamente deterioradas deron lugar a unha importante fuga por mor dunha avaria. Que responsabilidade ten a empresa concesionaria? Ningunha, que se saiba. Contamos con sistemas tarifarios cun canon que facilita un cobro substancioso moi por enriba do que supón o pago por consumo. Os pagos dos usuarios compensa os gastos da empresa na compra da auga, de xeito tal que os usuarios pagan incluso a auga que a empresa concesionaria perde nas fugas da súa responsabilidade. Esta é unha consecuencia da privatización deste tipo de servizos básicos.

O consumo persoal e familiar non propicia o aforro de auga na medida en que o exceso de gasto inflúe moi pouco no prezo que pagamos. As medidas de aforro por parte das institucións públicas só se poñen de manifesto en situacións coma a actual, de escaseza, cando debería ser a norma e mesmo unha actitude de pedagoxía social respecto da veciñanza. Nesta ocasión concellos como Redondela ou Vigo estiveron baldeando rúas durante meses a pesares de existir preavisos de que estábase entrando nunha sequía prolongada, e foron nos últimos meses cando xa se tomaron medidas tardías de cara a minimizar os gastos do recursos de xeito innecesario. Outro exemplo da despreocupación total dos servizo privatizado que xestiona a auga nos diferentes concellos e da irresponsabilidade na supervisión dalgúns destes gobernos locais, foi que ningún usuario recibiu indicacións directas de cara á redución e control do consumo que viñan realizando, así polo menos acontece en Redondela. Feito este que contrasta co das comunidades de augas das parroquias autoxestionadas onde xa levaban meses con controis e limitacións de cara a que os socios usuarios regulasen o seu consumo de auga. Na Agrupación de Electrores de Redondela consideramos que nun tema tan sensible coma este, non se pode xestionar nin pola Xunta de Galicia nin polos gobernos locais responsables do subministro de auga, dun xeito totalmente improvisado sen unha planificación preventiva previa nin o que é peor, sen un plan de emerxencia viable e sensato para cando se dean situación de extrema gravidade como a presente e esquecéndose por completo dos necesarios estudos de impacto ambiental.

Agora preténdese adoptar unha medida na que a ignorancia só é equiparable coa ousadía. Fálase de caudais ecolóxicos como se fora unha simple cuestión de cantidade de auga, descoñecendo que o equilibrio ecolóxico non só depende da cantidade senón tamén da época do ano. Resulta evidente o estrés que están a padecer as comunidades biolóxicas dos ríos nesta época do ano onde as chuvias non dan chegado. Así pois, non é o mesmo o caudal actual no mes de agosto que en decembro. É ben sabido que as plantas e animais adáptanse segundo a estación, mantendo ciclos axeitados a cada época do ano. Menor caudal podería incluso ser soportado en agosto, pero non en decembro. Os ecosistemas dos nosos ríos están a ter un fin de ano malo e quérenllo poñer peor.

Debemos ademais incluír neses efectos aos bancos marisqueiros como elemento ecoloxicamente vinculado aos réximes pluviais e aos subministro de auga doce dende os ríos do fondo da nosa Ría.

O peor do atrevemento da medida que se pretende levar adiante é o descoñecer os efectos irreversibles que poden acontecer cun máis que previsible desequilibrio ecolóxico. Cando un sistema se desequilibra, vemos como empeza; pero as máis das veces descoñecemos como acaba.

Por estes motivos, dende AER considérase necesario dar apoio ás diferentes manifestacións en contra do transvasamento de auga que se pretende facer do río Verduxo ao encoro de Eiras.

Por todo o anteriormente exposto, propóñense ao Pleno do Concello de Redondela os seguintes, ACORDOS:

1º Que o concello de Redondela curse unha denuncia contra á Xunta de Galicia por delito ambiental e por agredir o ecosistema do río Verduxo e dos nosos bancos marisqueiros sen sequera estudos de impacto ambiental. 2º Que o concello de Redondela empregue os seus servizos xurídicos e tódolos mecanismos legais e administrativos existentes para defender os seus veciños e os seus sectores marisqueiros da agresión que suporía este transvase.

3º O concello de Redondela se dirixa a Augas de Galicia, a Presidencia da Xunta e a Consellería de Medio Ambiente esixindo a inmediata paralización deste transvase e a procura de solucións sensatas, ecolóxicas e sostibles para a xestión da auga na nosa contorna.

4º Que o concello de Redondela denuncie á Xunta de Galicia por empregar a vía administrativa de urxencia para impoñer este transvase sen se dar os requisitos na lexislación vixente.

5º Que o concello de Redondela apoie ás diferentes manifestacións en contra do transvasamento de auga que se pretende facer do río Verduxo.

6º Que o concello de Redondela tome as medidas oportunas para que a empresa concesionaria do Servizo Municipal de Abastecemento, Saneamento e Depuración de Augas Residuais, detecte e acometa de xeito inmediato tódalas actuacións necesarias para a reparación das fugas de auga da rede municipal de abastecemento.