AER propón que o concello deixe de ser o organizador do entroido de verán de Redondela

Publicado por o día 26/09/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER propón que o concello deixe de ser o organizador do entroido de verán de Redondela

Como tódolos anos cara finais de agosto, en Redondela celebrarase o xa coñecido Entroido de Verán. Dito evento congrega a unha gran cantidade de asistentes, tanto visitantes como veciños e o que nun principio foi unha interesante iniciativa promovida por unha serie de hostaleiros e veciños e veciñas de Redondela, estase convertendo co paso do tempo nun enorme macro botellón “consentido” polo Concello.

AER está a favor de que en Redondela a veciñanza participe e desenvolva iniciativas festivas e de ocio como é o Entroido de Verán, pero non do desafortunado evento no que nos últimos anos se foi convertendo este acto festivo, sobre todo a partir de últimas horas da tarde e ao longo da noite.

A Agrupación que non cre que o éxito do Entroido de Verán se deba cuantificar polo número de asistentes, senón por que toda a veciñanza sexa quen de participar da celebración con seguridade e ambiente festivo respectuoso.

Por estes motivos AER xa no mes de xullo propuxo unha batería de propostas para a reformulación do entroido, para que o Concello de Redondela tomase en consideración adoptar medidas reais e prácticas de cara a que este evento deixe de ser considerado por unha parte importante da mocidade como unha festa “macrobotellón” e se converta nunha festa amable, respectuosa e familiar para a veciñanza de Redondela, cun ambiente festivo na liña do popular “Martes de entroido” do inverno ou o Festival de Títeres, referentes culturais e do ocio en Redondela e comarca.

Algunhas destas propostas foron consideradas ou mesmo foron bastante similares ás que o goberno local tiña en mente implementar e recoñecemos o avance que se deu na edición do presente ano, pero outras foron totalmente desbotadas e apostouse por manter o modelo preexistente. Neste senso AER considera que non se logrou atallar suficientemente os principais problemas e si que se creou unha cortina de fume para que o goberno local poida “lavarse as mans” respecto aos desmáns derivados dun evento do que que na actualidade é o principal responsable e para o que destina importantes recursos económicos.

Dende AER séguese pensando que hai que distribuír os eventos por toda a vila, realizar un cambio musical que non se ligue directamente co botellón, reconducir o evento a unha festa diúrna comezando antes e rematando máis cedo, etc. Mesmo en AER algúns consideran que non ten sentido a existencia dun evento como este en Redondela cando outros eventos culturais e musicais xa históricos van morrendo sen que o goberno local os axude, apoie ou tome medidas ao respecto. Non obstante o entroido de verán segue medrando a costa dos impostos de todos, os que o gozan e os que o padecen.

Os membros da agrupación consideran que se o modelo inicialmente naceu organizando directamente o Entroido de Verán os hostaleiros, máximos interesados polo beneficio que lles supón; despois de que o Concello levara a desvirtuar totalmente o evento e o lanzara ata crear unha criatura que non é quen de controlar, é necesaria unha contención do evento; organizándoo novamente a hostalería mediante a comisión de festexos que se cree ao respecto, do mesmo xeito que acontece nas festas parroquiais ou

outras de diversa índole, contando con colaboración parcial do Concello naqueles aspectos máis culturais e de interese xeral como pode ser a programación familiar e infantil. Iso si, condicionando a autorización do evento a encamiñar a festa a un evento diúrno, respectuoso, sen comportamentos machistas, de calidade a imaxe doutros eventos mesmo organizados en Redondela e non baseando o lecer no consumo descontrolado de alcol.