AER propón un programa de murais artísticos para combater o feísmo urbano

Insta ao goberno local a aportar a financiación e a involucrar aos propietarios públicos ou privados das edificacións e infraestruturas candidatas a posibles intervencións artísticas.
Por o 06/02/2019 | Sección: AER,Galicia,Política,Redondela
AER propón un programa de murais artísticos para combater o feísmo urbano

A iniciativa abrangue os cascos urbanos e máis as parroquias do concello.

A Agrupación de Electores de Redondela (A.E.R.) presentará unha moción ao Pleno do Concello para que se implante un programa de murais artísticos (graffitis) para combater o feísmo arquitectónico. Na proposta, AER solicitará que o Goberno Local dispoña da financiación necesaria para levar adiante esta idea. Asemade, AER propón que o Goberno Local involucre aos propietarios públicos ou privados das edificacións e infraestruturas candidatas a posibles intervencións artísticas.

Xiro de 180º: converter o feísmo en arte.

O feísmo urbano é un dos problemas que as cidades do século XXI tentan solucionar. En Galiza, as denuncias por casos de feísmo copan anualmente a oficina do Valedor do Pobo. Lamentablemente, Redondela non é unha excepción e o noso municipio tamén sufriu de crecemento urbanístico descontrolado, aparecendo fachadas en formigón antiestéticas, outras mesmo con fachadas de ladrillo sen cubrir, muros de infraestruturas ou contención onde prevalece a cor gris do cemento.

Cada unha destas fachadas ou muros son unha oportunidade para converter o feísmo en arte. Intervencións como as que xa se teñen realizado en diferentes espazos (as de Asociación Millo Verde ou as do propio goberno local no parque infantil da Alameda) son unha mostra do potencial da arte urbana para decorar muros con pintura.

Cascos urbanos e parroquias.

A proposta de AER sería extensible a todo o Concello, incluíndo os cascos urbanos de Redondela, Chapela ou Cesantes, pero tamén as parroquias. Ademais das intervencións máis evidentes coma neses cascos urbanos, AER propón que a iniciativa se estenda ás parroquias, particularmente a edificios públicos como colexios ou pavillóns deportivos.

Iniciativa de éxito en todo o mundo.

Ao longo de toda a península hai casos merecedores de mención: Lisboa, Covilha, Aveiro, Figueira de Foz, O Porto, Zamora, El Provencio, Estepona, Madrid, Calpe, Barcelona, Madrid, Tudela, Victoria-Gasteiz ou Valencia. Xa en Galiza podemos falar de Vigo, O Barco, Ribeira, Ordes, A Ribeira Sacra, A Coruña ou Ferrol, e as súas iniciativas de murais contra o feísmo e, destacando pola súa repercusión e difusión, o caso de Carballo e o programa “Derrubando muros con pintura”. Estas iniciativas están convertendo estas vilas en auténticos museos ao aire libre que, en palabras dos seus promotores, buscan “curar con creatividade as feridas urbanísticas” que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano a partir dos anos 60.

Comentar noticia

Your email address will not be published.