AER recolle sinaturas para volver presentarse ás eleccións municipais de Redondela

Nun concello como Redondela, as “agrupacións de electores” precisan do aval dun mínimo de 500 sinaturas da veciñanza para poder concorrer aos comicios locais.
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER recolle sinaturas para volver presentarse ás eleccións municipais de Redondela

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) é un colectivo veciñal asembleario que naceu en abril do 2011 froito da indignación cidadá coa situación social, democrática e política; que para non ser un partido máis, decidiu presentarse ás eleccións municipais baixo o formato dunha Agrupación de Electores. Para presentar candidaturas, as agrupacións de electores necesitan dun mínimo de firmas que as avalen, que no caso de Redondela son 500 sinaturas; e constitúense exclusivamente para cada proceso electoral, polo que deben proceder a unha nova recollida de firmas para presentarse a unhas novas eleccións. Nas eleccións do 2011 AER recolleu parte do descontento cidadán, acadando 832 votos e un concelleiro. No 2015 volveu concorrer ás eleccións municipais, conseguindo desa vez 2.837 votos e 4 concelleir@s. Despois destes oito anos e da experiencia adquirida, AER decidiu volver presentarse de cara a dar un novo salto para as eleccións locais deste 2019, polo que necesitan outra vez 500 firmas.

TRABALLO DA AGRUPACIÓN.

AER fai asembleas abertas tódalas semanas. A través delas, colectivos, asociacións e veciñ@s particulares fixéronlle chegar os seus problemas, dúbidas, críticas, propostas e inquedanzas durante estes oito anos. Reunións abertas onde a veciñanza puido ver o traballo da Agrupación. AER sacou á rúa arredor de 60 boletíns informativos, onde tentan comunicar á xente moitas cousas que pasan no concello. Manteñen unhas redes sociais activas para que a veciñanza se informe e participe debatendo e aportando; onde publican novas de Redondela e de todos os grupos políticos, vídeos, fotos, comunicados e información/documentación do Concello que non chega á cidadanía por outras canles. Ademais, AER asumiu a gravación dos plenos e creou unha páxina web onde vén recollido todo o seu traballo e que supón un auténtico Portal de Transparencia de AER.

A Agrupación de Electores de Redondela cumpriu sempre o que prometeu na campaña electoral e cambiou os seus concelleiros/as cada dous anos. Participou activamente nos plenos e comisións, condicionando a aprobación de orzamentos municipais, remanentes, ordenanzas e regulamentos; propoñendo medidas para que o Concello funcione dun xeito moito máis transparente, democrático e participativo; para mellorar a igualdade e a inclusión social, para loitar contra a corrupción, para recuperar a nosa cultura e o noso entorno natural… Presentou máis de 100 mocións ou propostas no pleno. Ademais, durante estes 8 anos tamén levou a cabo unha intensa labor de fiscalización do goberno local, solicitando ducias de comparecencias, facendo centos de preguntas e presentando máis de 1000 solicitudes no rexistro municipal.

AER apoiou, axudou e/ou participou en todos os actos reivindicativos que tiveran un marcado carácter social, e que estiveran en consonancia cos seus principios éticos e ideolóxicos; actos, campañas, protestas, concentracións e manifestacións que durante estes oito anos foron innumerables e mobilizaron a moitos veciños e veciñas de Redondela: protestas dos afectad@s polas preferentes e pola hipoteca, en defensa da sanidade pública, en defensa da cultura, contra a ampliación da AP-9, folga xeral contra a reforma laboral, Marchas da Dignidade, campaña contra o canon e a Lei de Augas, a favor do dereito ao aborto, a favor do dereito a decidir, a favor dunha renda básica, en defensa do ensino público, a favor do peche da cementeira de Vilar, en contra do transvasamento do Verduxo e a favor dos bancos marisqueiros, a favor da liberdade de expresión e en contra da retirada da exposición do Colectivo Republicano, en contra do proxecto de contedores en Rande, campaña de sinalización con pictogramas, 8 de Marzo e Folga Feminista…

RECOLLIDA DE SINATURAS POLAS PARROQUIAS.

Despois dunha longa reflexión, e por responsabilidade cara a xente que confiou en AER co seu voto e o seu apoio, a intención é volver presentarse nas vindeiras eleccións municipais de maio; sempre e cando reúnan os avais necesarios para facelo. AER comezou a semana pasada este proceso de recollida de sinaturas, instalando postos de recollida de firmas nos cascos urbanos de Redondela e de Chapela. O pasado domingo tamén estivo no centro cultural da Miñoteira, en Ventosela. Nos vindeiros días, AER estará tamén no resto de parroquias do noso concello.

Comentar noticia

Your email address will not be published.