AER resposta ao PP de Redondela no seu balance de “100 días”de goberno

Os Populares quéixanse tamén de proxectos aprobados no goberno de Bas que están paralizadas (en 77 días) pero non din que dende maio de 2018 e ata xuño de 2019 (en máis dun ano) eles non foron quen de rematar os trámites para o inicio desas obras.
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

AER resposta ao PP de Redondela no seu balance de “100 días”de goberno

O pasado 27 de setembro o Partido Popular enviou un comunicado de prensa onde literalmente din “O PP reuniuse para facer balance dos cen días de goberno do bipartito”.

O PP sabe perfectamente que o goberno constitúese no pleno de organización, non no de investidura. Neste pleno é onde se designan as concellerías do goberno e as persoas que van levar cada unha delas. Este pleno celebrouse o 12 de xullo, e polo tanto pasaron exactamente 77 días. Esta é a tónica que está a levar o PP nestes 77 días: oposición destrutiva, indiscriminada e sen rigor. Tampouco é de estrañar: fan oposición coas mesma filosofía coa antes gobernaron.

Investimentos supostamente paralizados

Na súa análise, o PP denuncia a paralización do centro cultural de Quintela e a área recreativa de Negros. Na Sesión Extraordinaria e Urxente 6/2018 celebrada polo Pleno do Concello o día 14 de maio de 2018, despois dun acordo de investimentos entre Partido Popular e AER, incorporouse o remanente de gastos xerais de 2017 por importe de 1.596.070,59 euros. Nestes investimentos é onde van recollidos estes dous proxectos.

Centro cultural de Quintela

O 5 de xuño de 2019 (hai só 115 días desta data é aínda gobernaba o PP), por resolución de Alcaldía asinada por Javier Bas iníciase procedemento de contratación para a instalación deste centro. Nesta resolución recóllese:
Primeiro: (…) a Mesa acorda que se lle requira á empresa que obtivo a mellor puntuación, (…), para que, no prazo de sete días hábiles, presente a documentación xustificativa de ter constituído a garantía definitiva (…) Ten a empresa ata o 14 de xuño.
Cuarto.- O prazo para a execución da obra é de dous meses, contado a partir da acta de comprobación de replanteo que se realizará no prazo máximo de quince días naturais dende a formalización do contrato.
A acta de comprobación de replanteo será, como máximo quince días despois da sinatura do contrato. Contrato que, de ningún xeito, foi asinado antes do 14 de xuño. Aínda que parece que todo estea xa preparado, aínda faltan un par de cousiñas: designar a dirección de obra e o plan de seguridade.
Resulta pois que o partido popular, cunha asignación económica de maio de 2018 acusa ó goberno actual de deixadez no “inicio das obras” mentres eles deixaron sen rematar os trámites necesarios para empezala despois de pasado máis dun ano.
Área recreativa de Negros:
Mediante resolución da Alcaldía núm. 3771/2018 de data 28.12.2018 (xa pasaron 7 meses desde a incorporación do remanente) o goberno do PP iniciou o expediente para a contratación da obra de construción da área recreativa en Negros, financiada con cargo ao remanente, cun orzamento que ascende de 227.000,00 euros.
Por resolución do mesmo órgano núm. 3795/2018 de data 30.12.2018 aprobáronse os pregos, e o contrato formalizouse o 20 de maio de 2019: practicamente cun ano de retraso dende o 14 de maio de 2018 que fora aprobado o Plan de Investimentos a conta do remanente. Neste contrato recóllese que haberá quince días naturais para a acta de replanteo co que nos poñemos xa a 4 de xuño de 2019. A partir de aí hai que designar dirección de obra e plan de seguridade e saúde que tamén hai que contratar e ter proposta de gasto aprobada por intervención.
Ou sexa, o Partido Popular, desde maio de 2018 que se aprobou o Plan e ata xuño de 2019 (cando perde o goberno) non foi quen de rematar os trámites para o inicio da obra (estamos a falar de máis dun ano) pero ten a desfachatez de acusar ao actual goberno de non estar executando a obra cando aínda falta a contratación da dirección de obra e o plan de seguridade e saúde. Máis que mentir, semella que o PP toma á veciñanza por idiota.
O PP quéixase de que subiu o gasto en salarios,.. que aprobaron eles! (xunto co BNG).
Tamén di o PP nesta nota que se aumentou o gasto en salarios da corporación. Visto que non souberon contar os días que leva o goberno actual, comprendemos que tampouco foron capaces de facer este cálculo.
No 2015 o gasto aprobado no pleno de organización foi de 348.672 euros anuais. Como a nós gústanos ser xustos, descontaremos os gastos anuais por asignacións a Redondela Pode xa que a súa concelleira pasou a ser non adscrita e perdeu o dereito a esta asignación como grupo. Facendo este axuste, o gasto real foi de 345.672 euros.
No 2019 o gasto aprobado é de 338.140 euros: ou sexa que se gastan 10.532 euros menos de orzamento aprobado no 2015, ou 7.532 euros menos se o comparamos co gasto real. En calquera caso, neste mandato o gasto en salarios políticos é menor que cando gobernaba o PP.

A diabólica volta de porca dos populares é que aprobaron en Pleno a proposta do BNG para aumentar as asignacións aos grupos, en contra da proposta deste Goberno, que coincidía coa aprobada no mandato anterior a proposta de AER. Xa que logo, o PP (xunto co BNG) aproba unha proposta que supón gastar no conxunto do mandato 120.128 euros máis do que propuña o Goberno. E se queixan de que sube o gasto! Quéixanse do que eles mesmo aprobaron. Pensaríamos que é esquizofrenia se non soubéramos que é pura e simple mala fe.


Comentar noticia

Your email address will not be published.