Afectada a circulación na A-55 en Mos por mor dun camión accidentado que perdeu parte da súa carga

Por o 22/02/2018 | Sección: Galicia,Mos,Sucesos
Afectada a circulación na A-55 en Mos por mor dun camión accidentado que perdeu parte da súa carga
Compartir en:

Un accidente cun camión implicado está arestora complicando a circulación pola A-55, ao paso polo concello de Mos, en sentido Tui.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o camión cargado con chatarra envorcou e verteu parte da súa carga nos carrís contrarios da circulación, isto é, en sentido Vigo.

Deste xeito, esta situación está a dificultar o tránsito en ambos os dous sentidos da circulación da autovía, aínda que os servizos de emerxencias están a traballar xa para recuperar a normalidade o antes posible.

Polo momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia ten constancia de polo menos unha persoa ferida, que sufriu un golpe na cabeza.

No lugar do accidente continúan os recursos de emerxencias, que foron activados polo 112 Galicia ás 8:40 horas de hoxe, cando se recibiron no CIAE as primeiras chamadas dos condutores que informaban da situación.

Así, ademais dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Tamén foron informados os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Baixo Miño.