Afondando nas relacións entre a representación e o real desde a Costa do Sol

Ata o mes de xuño, desenvolve a súa residencia artística no centro de cultura contemporánea La Térmica
Por o 10/04/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
Afondando nas relacións entre a representación e o real desde a Costa do Sol

Máis de 215 candidaturas concorreron á quinta edición do programa de residencias artísticas Creadores 2018, que impulsa a Deputación de Málaga e que desde hai unhas semanas congrega no centro de cultura contemporánea La Térmica aos e ás seis artistas seleccionados. Entre eles, o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marco Moreira, quen recoñece como “un privilexio” a súa selección para unha residencia que se completará cunha exposición colectiva a comezos de xuño. Nela, Moreira amosará os resultados dun proceso de traballo e investigación que, partindo do debuxo, buscará afondar nas “relacións entre a experiencia e o real” e para o que, recoñece, “non hai un plan trazado”.

Titulado en Belas Artes pola Universidade de Lisboa, Moreira foi seleccionado por este proxecto sen título, no que propón a combinación de debuxo, escultura, libro de artista, na quinta edición deste programa xunto á malagueña Irene González, o valencián Ernesto Casero, o sevillano Alejandro Ginés, a finesa Mirimari Värynen e a ourensá residente en Viena Enar de Dios, que ademais de titulada en Belas Artes polo San Francisco Art Institute é tamén licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. “É unha grande oportunidade para seguir desenvolvendo o meu traballo dentro dun contexto específico, posto que é un ambiente que promove o intercambio de experiencias e coñecementos e dalgunha forma é tamén un recoñecemento que lle dan ao meu traballo e iso déixame moi satisfeito e motivado”, sinala este alumno do programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, que neste mes de abril protagoniza tamén unha exposición individual na Fundación Bienal de Arte de Cerveira.

Ao longo da súa estadía en La Térmica, onde dispoñen dun estudio de traballo, así como dunha axuda de 2400 euros de apoio á produción, os e as seleccionadas combinan o desenvolvemento dos seus proxectos cunha serie de encontros con axentes culturais de Málaga, como paso previo á presentación das súas creacións nas Jornadas de Creación de La Térmica, que acumulan máis de 10.000 visitas nas súas catro anteriores edicións. “As primeiras semanas de traballo están sendo moi positivas, non só no que se refire ao desenvolvemento do proxecto persoal, senón tamén ao conxunto de relacións que se foron xerando e que tamén son moi interesantes e enriquecedoras”, sinala Moreira, que incide en que “todos os artistas nesta residencia teñen proxectos moi diferentes, pero todos son persoas moi interesadas e motivadas, o que acaba por xerar un ambiente dinámico moi bo”.

Un proxecto que parte da propia práctica artística

Unha reflexión “sobre os conceptos de orixinalidade e de apropiación”, que pensa a obra de arte “como materia de conversión e apropiación que transcende as formas política e xurídica como tamén os límites de autor” centra a investigación que Moreira desenvolve para a súa tese de doutoramento que recoñece non buscar unha relación entre esta investigación e a súa propia produción plástica, “porque isto vai suceder automaticamente a través da reflexión que se xera a partir do propio traballo”.

Non en van, o punto de partida do proxecto polo que foi seleccionado é a reflexión sobre a “propia práctica artística persoal”, o que o leva en primeiro termo a centrar o seu labor artístico no campo do debuxo. “Interésame pensar o debuxo como algo que está sempre en proceso e próximo á xénese do propio traballo”, recoñece o artista, que apunta ao “proceso continuo” que supón ir plasmando as ideas a través de bosquexos e que centra este proxecto na “necesidade de traballar o debuxo non só como plano bidimensional, senón tamén como unha posibilidade que se expande ao campo real”. A partires o seu propósito é desenvolver “propostas artísticas onde establezo relacións entre a representación e o real, porque a experiencia é o vivido e a representación é o rexistro resultado desa experiencia”. Así, o seu propósito é tentar crear, valéndose de diferentes disciplinas, un conxunto de traballos que se relacionen entre si e que, a través da experimentación, permitan “ampliar o debuxo a través doutros métodos de traballo”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.