Aforo completo no concerto do Coro Gli Appassionati na Guarda

Publicado por o día 03/04/2019 na sección de A Guarda,Galicia

Aforo completo no concerto do Coro Gli Appassionati na Guarda

Despois dun primeiro concerto no pasado mes de marzo, que contou coa participación do Coro Diapasón de Ferrol, o Coro Arpegios da Guarda e o Coro Cantábile da Guarda, o pasado sábado día 30 de marzo celebrouse no Centro Cultural da Guarda o segundo concerto do Ciclo de Música Coral, contando nesta ocasión coa actuación do Coro «Gli Appassionati».

O coro «Gli Appassionati» nace no ano 2012 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo, é unha formación coral integrada por xoves “apaixoados” polo canto e a música en xeral que os define como grupo. Este coro representa a consolidación dun esforzo por crear unha formación vocal de gran calidade abordando unha gran variedade de repertorio de gran dificultade que inclúe obras de música Clásica, Pop, e do folclore internacional con plenas garantías de éxito e alto nivel de esixencia.

Os seus compoñentes posúen unha sólida preparación vocal e musical así como unha ampla experiencia coral, gañando numerosos premios e contando cun gran palmarés no que se inclúen 10 Premios nacionais, 1º Premio no I Certame Nacional de Canto Coral de Villanueva de la Serena de Badajoz, Premio Especial do Público no L Certame da Canción Mariñeira de San Vicente de la Barquera en Cantabria, Finalistas no LXIII Certame Internacional de Habaneras e Polifonía de Torrevieja,  1º Premio no II Certame de Corais Vila de Arbo, entre outros.

Aforo completo no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda para escoitar a unha das mellores formacións corais da zona.