Aforo completo para Vigo do filme “VIGO 1972” na súa primeira semana en carteleira nos cines vigueses

Selecionada recentemente para o festival Cineuropa, e coa proxección nos cines en Santiago de Compostela a partir do 17 de novembro, a presenza do filme nas salas viguesas prolóngase ata o vindeiro venres 9 de novembro
Publicado por o día 02/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Aforo completo para Vigo do filme “VIGO 1972” na súa primeira semana en carteleira nos cines vigueses

A longametraxe documental “VIGO 1972” que iniciou o pasado venres 27 o seu periplo polas salas de cine viguesas, remata esta primeira semana nos cines co cartaz de “Aforo completo” en case todas as sesións. Colas e nalgunhas xornadas espectadores que non poideron acceder ás salas por estar todas as entradas vendidas. Por todo isto a cinta continuará a proxectarse cando menos ata o vindeiro xoves 9 de novembro.

O equipo da película non oculta a súa ilusión ante unha acollida que definen como espectacular. “Estamos tremendamente satisfeitos por como está a funcionar a película na cidade de Vigo”, apunta Emilio J. Fernández, produtor executivo da peza “Sabíamos que tiña moitas posibilidades de interesar aos vigueses. Narra uns feitos, a folga de 1972, que miles de traballadores e familias viviron directamente. Se fas un produto ameno, emocionante sobre eses feitos é factible que xere interese e que toda esa xente acuda ao cine. Se gusta, empeza a funcionar o boca a boca, que é o que comeza a pasar coa pelícual”.

“Estamos vendo, con moita ilusión como o público das proxeccións é interxeracional, espectadores de sesenta, setenta anos, pero tamén xente nova, que non viviu os feitos directamente pero que os coñecía por fererencias familiares, ou simplemente non os coñecían en absoluto” explica o director Roi Cagiao. “A xente aplaude ao acabar as sesións. Os que fican sen entrada resérvana para o día seguinte, e coñezo varios casos de espectadores que repetiron. É moi emocionante.

A longametraxe “VIGO 1972”, que reconstrúe a histórica folga xeral viguesa de 1972 a través de testemuñas dos feitos, materiais de arquivo e dramatizacións, vén de ser seleccionada para a súa proxección no Restival Internacional de Cine Cineuropa e poderá verse nos cines de Santiago de Compostela a partir do venres 17 de novembro.