Afundación aborda o tema do bullying a través do teatro na súa programación de actividades para escolares

A obra Safari representarase do 2 ao 6 de marzo no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 28/02/2020 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Afundación aborda o tema do bullying a través do teatro na súa programación de actividades para escolares

Continúa a programación de teatro para escolares de Afundación, a Obra Social de ABANCA, nesta ocasión coa representación da obra Safari mediante a que tratarán o tema do bullying. As funcións serán o luns 2, martes 4, mércores 4, xoves 5 e venres 6 de marzo, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo.

Máis de 4300 alumnas e alumnos de 76 centros escolares de Vigo e arredores acudirán a esta representación de La Baldufa Companyia de Comediants. Os nenos e nenas poderán entender as ameazas do bullying a partir do comportamento dos seus protagonistas, os animais da sabana. A preocupación dos investigadores Piñote e Calabacín será a de descubrir que está a suceder e axudar a estes animais ensinándolles que, a través das nosas actitudes e comportamentos en positivo, é posible convivir dunha maneira tranquila, respectando a todo o mundo.

EDUCACIÓN EN VALORES

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.