Afundación amplía no Nadal o horario de visita á mostra «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección»

Está articulada por 78 obras pertencentes á Colección de Arte Afundación.
Publicado por o día 21/12/2016 na sección de Cultura,Vigo

Afundación amplía no Nadal o horario de  visita á mostra «Percorrendo a nosa arte.  Esencia dunha colección»

Afundación amplía, durante o Nadal, o horario de visita ao redor da súa exposición, «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección», articulada no Espazo Colección da Sede da entidade en Vigo. Durante as festas, a mostra poderá visitarse do xoves 22 de decembro ao mércores 4 de xaneiro, en horario de 17.30 a 20.30 h, permanecendo pechada os días 24, 25 e 31 de decembro e o día 1 de xaneiro. Así mesmo, os xoves 22 e 29 de decembro terá lugar a visita taller «Os xoves da colección», ás 19.30 h, orientada a un público adulto e que require de inscrición previa.

Tamén se deseñou unha oferta para gozar da arte cos máis pequenos, «Arte en familia», na que o principal obxectivo é adaptar as visitas ao público novo para achegarlles o mundo cultural, dun xeito atractivo.

A MOSTRA

Unha das principais liñas de actividade cultural de Afundación xira ao redor da súa colección de arte, un excepcional conxunto de obras atesourado ao longo de máis de cinco décadas de traballo que permitiron que obras imprescindibles da historia da arte galega estean hoxe entre os seus fondos. A importancia da Colección de Arte Afundación valeulle a declaración de Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2015.

A magnitude da Colección de Arte Afundación é un aliciente para a realización de numerosas exposicións temporais que abordan o estudo da arte, especialmente a galega, desde diferentes ópticas, pero mantendo sempre unha visión estable dalgunhas das súas principais pezas neste espazo permanente. A vocación divulgativa e didáctica que caracteriza a colección desde as súas orixes desemboca nesta iniciativa de mostrar a evolución da arte galega desde o século XIX ata a actualidade, poñendo cada autor no seu contexto e permitindo, con iso, percorrer case dous séculos de arte.

A nova proposta ao redor da Colección de Arte Afundación está baseada na exposición de 78 obras de arte de pintura, escultura e fotografía. Nesta nova proposta destaca a presenza dun considerable número de pezas escultóricas pertencentes a 13 artistas dos séculos XX e XXI. Ademais, está incluída nesta mostra a primeira peza inventariada da colección, é dicir, o xermolo deste patrimonio artístico, e tamén a obra máis antiga (de Jenaro Pérez Villaamil, datada en 1848) e a máis moderna (de Miguel Piñeiro, do ano 2011). Nesta ocasión as obras expostas, que nun cincuenta por cento se mostran por primeira vez neste Espazo Colección, axudan a construír un relato expositivo baseado na sucesión cronolóxica para entender o progreso da arte galega contemporánea, sempre posto en relación co mesmo avance a nivel internacional. Por tanto, o impacto das primeiras vangardas, dos desastres bélicos acaecidos en Europa durante as décadas dos trinta e dos corenta do século XX, o informalismo, a abstracción, a nova figuración ou a identidade persoal son influencias que conviven nesta mostra xunto a expresións xenuinamente galegas, como as da xeración Doente ou os Renovadores.