Afundación celebra o Día Internacional das Persoas Maiores reivindicando o «Orgullo de ser maior»

Este ano a ONU fai un chamamento á sociedade para tomar partido en contra da discriminación por idade
Publicado por o día 30/09/2016 na sección de Social,Vigo

Afundación celebra o Día Internacional  das Persoas Maiores reivindicando o  «Orgullo de ser maior»

A celebración do Día Internacional das Persoas Maiores, instituído en 1990 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, susténtase anualmente en todo o mundo coa reivindicación de que quen superan os 60 anos contan na sociedade: «60+ counts». En 2016, o lema escollido para esta conmemoración é «Tomar partido en contra da discriminación por idade», desafiando os estereotipos e conceptos erróneos acerca das persoas maiores e o envellecemento, que menoscaban os seus dereitos e dificultan a súa contribución ao desenvolvemento social e a súa participación na vida económica, cultural e política.

Afundación súmase a esta celebración, dentro do seu proxecto de promoción do envellecemento activo, coa organización de distintas actividades durante todo o ano que permitan promover unha imaxe positiva das persoas maiores, que ofrezan unha representación fiel e diversa da súa realidade. Así, Afundación instalou hoxe un photocall diante dos seus centros de maiores de Santiago, Ferrol, Ourense, Lugo, Pontevedra, Monforte, Betanzos e Viveiro, e ante as súas sedes da Coruña e Vigo no que se invitaba a cidadanía a sumarse a esta celebración, facéndose fotos sostendo mensaxes que apoiasen a campaña.

O contido das mensaxes pretende facer visible que os estereotipos estendidos na sociedade sobre este grupo de poboación non responden á realidade, que as persoas maiores son suxeitos activos, contribuíntes e beneficiarios do desenvolvemento, e que a vellez non é máis que unha etapa do proceso evolutivo do ser humano. As instantáneas difundiranse a través das redes sociais de Afundación, utilizando o hashtag establecido por Nacións Unidas: #60PLUS, para se sumar, así, á campaña internacional.

Co obxectivo de estender o proxecto máis alá do Día Internacional das Persoas de Maiores, Afundación programou tamén o ciclo de cine «Orgullo de ser maior», que comezará o próximo 10 de outubro, no que se proxectarán sete películas: Nebraska, The lady in the van, Grandma, Shine a light, El becario, El cuarteto e Nunca es tarde. En todas elas se presentan personaxes que rachan os estereotipos sobre as persoas maiores, desde os Rolling Stones desafiando o tempo, a mulleres que superan calquera prexuízo e convencións se importar a súa idade, ou a distintos personaxes que se reinventan despois dos 70 anos. As proxeccións, que teñen entrada libre e gratuíta, faranse nas sedes e nos centros de maiores de Afundación das distintas cidades.

Así mesmo, a entidade desenvolverá nos próximos meses diversas actividades dirixidas á sociedade en xeral, pero tamén a colectivos que, como os medios de comunicación, poden ter unha gran relevancia nesa tarefa común de construír unha imaxe social das persoas maiores real e afastada de estereotipos, que reflicte a heteroxeneidade do colectivo e as súas achegas á sociedade.